O BNG FARÁ UN SEGUIMENTO PORMENORIZADO PARA QUE SE EXECUTE A ELIMINACIÓN DO TAPÓN URBANÍSTICO DA AV. DA CORUÑA AO QUE SE COMPROMETEU A ALCALDESA

“O concello vai perder as subvencións para instalar caldeiras de biomasa pola ineficacia do PSOE” dixo Arroxo

Sobre a comisión do Garañón o BNG manterá a súa postura para que se execute o derribo sen coste para os lucenses “deste desastre do que foron responsables PP e PSOE”

“O concello vai perder as subvencións para instalar caldeiras de biomasa pola ineficacia do PSOE” dixo Arroxo

Lugo, 29 de setembro de 2017. Tras a celebración da xunta de voceiros do concello de Lugo convocada para o día de hoxe, o voceiro do BNG, Rubén Arroxo, anunciou que “o concello vai perder as subvencións para instalar caldeiras de biomasa pola ineficacia do PSOE” e explicou “a pesares das advertencias do BNG o goberno municipal non foi capaz de facer as xestións necesarias para optar aos 800.000 euros de subvención do INEGA para a instalación de caldeiras de biomasa en varias instalacións deportivas do parque da Milagrosa e así minorar os custos de mantemento destas instalacións”.

O BNG xa denunciaba publicamente o pasado mes de agosto que o concello de Lugo podía quedar por causas dunha nefasta xestión política sen unha subvención de 776.255,47 € adxudicada polo INEGA para un proxecto de rede de biomasa, no día de hoxe o goberno municipal deu por feita esta perda e o portavoz do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, mostrouse bastante sorprendido “non entendemos o pouco interese do goberno municipal en mellorar a xestión enerxética por sistemas máis ecolóxicos e máis económicos”.

Estas axudas cubrían ata un 80% da inversión, unha cantidade que o BNG considerou moi importante. O concelleiro do BNG, Rubén Arroxo, pediu “un cambio de rumbo na xestión municipal” entendendo que a día de hoxe o goberno municipal segue sen un proxecto claro para Lugo malia levar xa máis de 2 anos de mandato. O BNG cre que proxectos coma o da biomasa, que son alternativas directas ao petróleo e que aforran cartos, deben ter maior consideración por parte do executivo local.

Arroxo anunciou tamén que o BNG fará un seguimento pormenorizado para que se execute a eliminación do tapón urbanístico da Av. da Coruña ao que se comprometeu a alcaldesa. Na xuntanza de hoxe o goberno anuncia que está finalizado o expediente de expropiación e falta a realización do proxecto de urbanización, “dende o BNG pedimos axilidade e que se dea a solución real a este problema que a veciñanza ven padecendo dende hai anos” afirmou Arroxo.

Comisión do Garañón

Rubén Arroxo informou, tamén, que na comisión do Garañón celebrada hoxe “o goberno veu pedir opinión sobre facer un expediente de reposición da legalidade urbanística cando non é a comisión a que ten que decidilo xa que isto é algo que unha vez iniciada a petición de execución de sentencia o goberno vai ter que facelo si ou si” e engadiu “por outra banda entendemos que son necesario que os informes técnicos necesarios para poder seguir avanzando no proceso desta comisión”. Arroxo afirmou que o BNG manterá a súa postura para que se execute o derribo sen coste para os lucenses “deste desastre do que foron responsables PP e PSOE”.