A cuarta edición do ciclo Liberdades Sonoras traerá distintos xéneros musicais ao Vello Cárcere

Maite Ferreiro presentou os tres primeiros concertos que forman parte do ciclo

A entrada será gratuíta até completar o aforo

A cuarta edición do ciclo Liberdades Sonoras traerá distintos xéneros musicais ao Vello Cárcere

Lugo, 27 de xaneiro de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a cuarta edición do ciclo Liberdades Sonoras, que este ano volverá ao Vello Cárcere con distintos xéneros musicais ao patio do Vello Cárcere. “Os tres concertos que terán lugar entre o 30 de xaneiro e o 7 de marzo son os encargados de abrir esta cuarta edición de Liberdades Sonoras, que se estenderá até o mes de Xuño”.

“Trátase dun espazo singular e por iso traemos propostas musicais excepcionais e singulares”, indicou Maite Ferreiro, que presentou a programación xunto cun dos promotores do evento. O ciclo está impulsado polas promotoras WORKONSUNDAY e CLAP, e conta coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo.

Liberdades Sonoras comezará este xoves, 30 de xaneiro co dúo experimental Tomaga, de orixe londiniense, e que é descrito pola Radio3 da BBC como “a mellor banda do Reino Unido”. O 22 de febreiro, a artista californiana Emily Jane White traerá o seu folk escuro ao que deu un toque persoal e maduro ao longo de máis de dúas décadas de carreira. A primeira rolda de Liberdades Sonoras rematará o 7 de marzo coa artista disciplinar Lea Bertucci, compositora, intérprete e deseñadora de son cuxo traballo explora as relacións entre os fenómenos acústicos e as súas resonancias biolóxicas.

A cuarta edición do ciclo Liberdades Sonoras traerá distintos xéneros musicais ao Vello Cárcere