A EXPOSICIÓN PODERASE VER ENTRE O 18 DE XULLO E O 12 DE XANEIRO NAS ANTIGAS CELDAS DE MULLERES DO EDIFICIO DO VELLO CÁRCERE DE LUGO

A edil de Cultura presentou a Exposición de Xavier Costa: Bernarda Espida

A execución das obras realizouse nun prazo menor ao estipulado na adxudicación que era de 4 meses

A edil de Cultura presentou a Exposición de Xavier Costa: Bernarda Espida


 

Lugo, 12 de xullo de 2019. A edil responsable da área de Cultura, Maite Ferreiro, presenotou, xunto co artista Xavier Costa, a exposición Bernarda Espida. Segundo explicou Maite Ferreiro “trátase dunha exposición temporal, desde o 15 de xullo de 2019 ata o 12 de xaneiro de 2020, do escultor Xavier Costa. En concreto será a serie escultórica titulada “Bernarda Espida”, composta por 51 pezas esculpidas en pedra, madeira e ferro, que se amosarán acompañadas por 51 gravados en augaforte que son o relato pictórico da historia desta heroína”.

 

Pola súa banda o autor da obra escultórica sinalou que “Bernarda Espida é a personaxe ficticia que cobra vida en cada unha destas 51 esculturas e coa que constrúe un relato sobre a cámara dos horrores que foi o século XX para moitas mulleres en diversas partes do mundo”. Con Bernarda, o artista, traza unha historia circular do sufrimento, desde antes de nacer ata a súa morte. Unha Bernarda libre, lesbiana, feminista e revolucionaria que é golpeada con ferocidade e crueldade polos grandes males da historia sociopolítica do século XX: as guerras, as ditaduras, a tortura e a represión.

 

A historia de Bernarda cabalga desde a barriga da nai ata a súa execución, cando é abandonada para ser pasto dos corvos e acaba converténdose nun penedo máis da paisaxe galega. Antes, a súa loita “contra todos os réximes totalitarios” ten paradas na Escola de Mecánica da Armada (Buenos Aires) e Abu Graib (Iraq), nunha reflexión “sobre o poder absoluto” e os procesos de construción dunha identidade poboo, no ronsel de Lorenzo Varela ou Luís Seoane.

 

En palabras de Costa, “esta é a triste, insólita e verdadeira historia da rapaza galega Bernarda Espida, que fixo trinta e tres revolucións e perdeunas todas, que loitou pola xustixa e a liberdade e foi perseguida, exiliada, detida, golpeada, aldraxada, torturada e violada por todos os reximes ditatoriais, que foi executada e o seu corpo abandonado mas eiras pra ser pasto de pegas e corvos. Pero como Prometeo converteuse en penedo e forma parte da paisaxe galega”.

 

As esculturas deste tráxico relato parten da figuración e experimentan con distintos materiais como o ferro, o estaño, a madeira e a pedra, coa que tamén xoga ao empregar cuarzo, granito,  mármore de Macael, pedra de Tivissa ou de Vinarós, polo que se establece un contrate de rugosidades e tonos que aportan dramatismo ou sensualidade segundo a peza. Porque nesta historia dos horrores hai cabida para a tenrura, o amor, a sensualidade, a sexualidade o hedonismo e a ledicia. Nestes casos, as esculturas son voluptuosas e de suaves escorzos; en oposición, o horror reflíctese con xogos de contraste de texturas, volumes, cor e materiais que aportan dramatismo, incluso dor.