OS NACIONALISTAS RECLAMAN QUE A XUNTA DESTINE UNHA CANTIDADE SUFICIENTE PARA QUE O EDIFICIO SE POIDA ABRIR E POIDA SER UTILIZADO

Emenda do BNG aos orzamentos da Xunta para dotar o Auditorio de Lugo

A parlamentaria por Lugo, Olalla Rodil, dixo que “non se pode consentir un investimento de 17 millóns de euros para ter outro edificio pechado”

Emenda do BNG aos orzamentos da Xunta para dotar o Auditorio de Lugo

Lugo, 11 de xaneiro 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, anunciou que o Grupo Parlamentar do BNG presentou unha emenda aos da Xunta de Galiza para que se destinen os fondos necesarios para dotar o Auditorio de Lugo e que este se poida “abrir e utilizar”. “Nós imos a reclamar á Xunta de Galiza os fondos necesarios para que se poida poñer o Auditorio en funcionamento, mentres PP e PSOE se enzarzan na habitual batalla á que nos teñen acostumados en Lugo” asegurou Rodil.

Olalla Rodil sinalou que “unha vez máis as contas do PP na Xunta esquecen a Lugo, e sobre todo, non contemplan partidas para solventar aquelas cuestións que fican incompletas ou inacabadas”, neste senso Olalla Rodil referiuse ao Plan Paradai, o cuartel de San Fernando, ou a apertura do servizo de Hemodinámica as 24 horas. Rodil lembrou, tamén, que “hai outras cuestións que xa semella quedaron abandoadas polo partido popular como é o caso do edificio da antiga Residencia”. A deputada nacionalista anunciou que “sobre estes asuntos pivotara o discurso do BNG no debate sobre os orzamentos no Parlamento Galego en relación á cidade de Lugo”.

A parlamentaria por Lugo, Olalla Rodil, dixo que “non se pode consentir un investimento de 17 millóns de euros para ter outro edificio pechado” e lembrou que “nin se permitiu a visita a este Auditorio ás persoas e colectivos vencelladas á cultura en Lugo, somentes puideron velo persoas afíns ao PP e o PSOE nunha visita mediatica de Núñez Feijoo no mes de abril do pasado ano”. Rodil lembrou que o BNG solicitou unha visita para que a xente da cultura poida coñecer o edificio “mais a resposta foi a calada por parte da Xunta”.