O CONTRATO ESTIPULA UN PRAZO DUN ANO PARA QUE A EMPRESA PRESENTE AO CONCELLO DE LUGO UN PROXECTO DE TRANSPORTE ONDE SE DEFINA O FUNCIONAMENTO DAS LIÑAS

“A empresa dos buses podería evitar presentar o proxecto de transporte pagando 401 euros”

O BNG-AA pedirá que se faga público o proxecto de transporte da empresa dos autobuses urbanos para “coñecer realmente o servizo de buses que imos ter”

“A empresa dos buses podería evitar presentar o proxecto de transporte pagando 401 euros”
Lugo, 18 de abril de 2017. O BNG-AA pedirá, no concello de Lugo, que se faga público o proxecto de transporte que a empresa adxudicataria dos autobuses urbanos tería que ter presentado ao goberno municipal. O contrato estipula un prazo dun ano para que a empresa presente ao concello de Lugo un proxecto de transporte onde se defina o funcionamento das liñas e do sistema de transporte. “Neste momento non se sabe se a empresa xa cumpriu coa súa obriga, se vai esgotar o prazo ou simplemente non vai presentar o proxecto” dixo Rubén Arroxo que advertiu “se o goberno municipal o permite, a empresa dos buses podería evitar presentar o proxecto de transporte pagando 401 euros”.

Rubén Arroxo lembrou que a empresa tiña un prazo de un ano dende a sinatura do contrato que se produciu a principios de 2016 e a día de hoxe non foi feito público. Arroxo avanzou que o BNG-AA ten propostas e suxerencias para o transporte urbano e por iso é necesario que se dea a coñecer ese proxecto que a empresa adxudicataria tiña a obriga de presentar. O pasado 10 de febreiro de 2016 a Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobaba a concesión do servizo de buses urbanos por 10 anos á empresa Monbús.

O voceiro do BNG – AA afirmou que “nos propios pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares figuraba recollido especificamente que a empresa concesionaria debería realizar un estudo pormenorizado de todas as liñas urbanas, e un plan con medidas para mellorar o seu funcionamento e corrixir calquera deficiencia, nun prazo de 12 meses dende que se asinou a acta de inicio da prestación de servizo”. A día de hoxe faltan tan só 2 meses para que remate o prazo e a realidade é que os grupos municipais descoñecemos por completo se xa existe a proposta de modificación de rutas, de cara a mellorar a eficiencia de dito transporte, tantas veces mencionada polo goberno municipal.

Información sobre o proceso de adxudicación e licitación do contrato:

http://lugo.gal/es/licitaciones/contratacion-de-la-gestion-del-servicio-publico-de-transporte-regular-de-viajeros-en-la

http://lugo.gal/sites/default/files/licitaciones/adjuntos/2014/04/ACORDO%20XGL%20APROBACI%C3%93N%20PREGOS.pdf

http://lugo.gal/sites/default/files/licitaciones/adjuntos/2016/04/anuncio_formalizacion_contrato_bop_0.pdf