O CANDIDATO DO BNG SINALOU QUE “AS MUNICIPAIS DO 2019 SERÁN UNHA OPORTUNIDADE PARA QUE LUGO AVANCE CUN GOBERNO ALTERNATIVO AO PP E AO PSOE”

“Faremos unha candidatura ilusionante, para gobernar e para que Lugo funcione” dixo Rubén Arroxo

Arroxo foi ratificado como candidato á alcaldía para as municipais de 2019 nunha asemblea aberta na que participaron militantes e simpatizantes do BNG

“Faremos unha candidatura ilusionante, para gobernar e para que Lugo funcione” dixo Rubén Arroxo

Lugo, 12 de xuño de 2018. Rubén Arroxo foi ratificado como candidato á alcaldía para as municipais de 2019 nunha asemblea aberta na que participaron militantes e simpatizantes do BNG. Arroxo foi o único aspirante a liderar a lista electoral do BNG para o concello de Lugo e manifestou o seu agradecemento a todas as persoas que lle deron o seu apoio sinalando que “imos a por todas,  por que sabemos que en Lugo hai moitas persoas que acreditan no traballo serio e construtivo do BNG e vennos como unha opción posible para gobernar”. Arroxo avanzou que o BNG vai conformar unha candidatura “ilusionante, para gobernar e para que Lugo funcione”.

“Somos a única alternativa cun proxecto claro para gobernar este concello, queremos meter a Lugo no século XXI” dixo Rubén Arroxo e sinalou “imos entusiasmar ás persoas que se senten de esquerdas e lle queren a este país e a esta cidade”. O candidato do BNG sinalou que “as municipais do 2019 serán unha oportunidade para que Lugo avance cun goberno alternativo ao PP e ao PSOE” e lembrou que “o PP é o único partido da historia do Estado que foi condenado por corrupción e o PSOE ten paralizada esta cidade,  por eso imos traballar para que Lugo teña un goberno alternativo e liderado polo BNG”.

Arroxo puxo como exemplo das políticas municipais do BNG a evolución de concellos como Pontevedra, Ribadeo, Allariz ou Muras e afirmou “aspiramos a multiplicar a representación do BNG para que Lugo poida avanzar no século XXI como outras moitas vilas e cidades nas que goberna o BNG”. O voceiro do BNG no concello de Lugo puxo en valor todas as iniciativas e ot traballo feito polo BNG na corporación municipal durante estes anos e avanzou “no BNG temos os deberes feitos e imos traballar para presentar a mellor candidatura para Lugo por que sabemos o que este concello precisa e un proxecto político serio para Lugo”.