A REPRESENTANTE DO BNG, MAITE FERREIRO, AGRADECEU O APOIO DO FORO DE IGUALDADE “PARA FACER QUE LUGO AVANCE EN MATERIA DE IGUALDADE E CONTRA O MACHISMO”

O Foro de Igualdade do Concello de Lugo reclamará un Xulgado de Violencia de Xénero para Lugo

ForoIgualdade

Este órgano tamén reprobará as manifestación do Presidente da Xunta dirixidas, no Parlamento Galego, á Voceira do BNG, Ana Pontón, dicíndolle que “estaba necesitada”

O Foro de Igualdade do Concello de Lugo reclamará un Xulgado de Violencia de Xénero para Lugo

Lugo, 7 de xuño de 2018. O Foro de Igualdade do concello de Lugo acordou elevar a petición, aos estamentos implicados, para lograr que Lugo conte cun Xulgado Específico de Violencia de Xénero. A proposta foi presentada pola representante do BNG, Maite Ferreiro, que agradeceu “o posicionamento unánime deste órgano municipal por que fará que Lugo avance en matería de igualdade e contra o machismo” e sinalou “o cambio de Goberno no Estado é momento propicio para demandar, aos novos responsables da xustiza, que se cubra esta débeda con Lugo”.

Ferreiro lembrou o traballo feito polo movemento feminista e polo propio BNG para conseguir que Lugo conte con este Xulgado Específico. Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo.

En 2017, segundo os datos publicados recentemente polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo cometéronse 696 delitos de violencia machista, case dous ao día, incrementándose a respecto 671 cometidos no ano 2016. No conxunto do estado contabilizouse a cifra total de 163.132 delitos de violencia machista. Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade.

Reprobación a Feijoo a Santalices e ao PP

O Foro de Igualdade do Concello de Lugo acordou tamén reprobar as manifestación do Presidente da Xunta dirixidas, no Parlamento Galego, á Voceira do BNG, Ana Pontón, dicíndolle que “estaba necesitada”. O escrito de reprobación seralle remitido tanto ao Presidente da Xunta, que verbalizou o ataque machista contra a voceira do BNG, como ao presidente da Cámara Galega, Miguel Santalices Vieira, como ao propio Partido Popular de Galiza. A proposta de reprobación foi presentada pola voceira socialista no Foro de Igualdade, Ana Prieto, e secundada por todas as forzas e representantes de entidades no Foro de Igualdade.

O Foro de Igualdade do Concello de Lugo reclamará un Xulgado de Violencia de Xénero para Lugo