A ALCALDESA AFIRMOU HOXE, EN COMISIÓN, QUE NON VAI CONTAR COS GRUPOS DA OPOSICIÓN E FIXO PATENTE A SÚA FALTA DE INTERESE PARA MELLORAR O SERVIZO DE BUSES

“O goberno menospreza á oposición e non resolve o tema dos buses” dixo Rubén Arroxo

“En setembro e decembro acordouse no Pleno convocar a todos os grupos en menos de 15 días aos grupos da oposición e non se fixo” sinalou Rubén Arroxo

“O goberno menospreza á oposición e non resolve o tema dos buses” dixo Rubén Arroxo

Lugo, 4 de maio de 2018. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, informou hoxe sobre a resposta dada pola alcaldesa, na Comisión de Seguimento de Acordos Plenarios, en relación ás iniciativas do BNG-AA aprobadas para que se crease unha mesa de traballo sobre o servizo de bus urbano e que non se vai convocar.  Arroxo lembrou que se aprobou unha iniciativa no Pleno de setembro de 2017 na que se instaba ao goberno a convocar en menos de 15 días naturais unha xuntanza cos grupos da oposición para tratar  a situación na que quedarán as novas liñas de autobuses.

“Vemos como a empresa adxudicataria non renovou as liñas, segue facturando voltas ás rotondas e o PSOE parece estar cómodo con esta situación por que non fan nada para que mellore o servizo e se xestione doutra maneira” dixo Rubén Arroxo. A alcaldesa afirmou hoxe, en comisión, que non vai contar cos grupos da oposición e fixo patente a súa falta de interese para mellorar o servizo de buses. O Voceiro do BNG-AA sinalou que a empresa presentou un plan de transporte en xullo de 2017 e a día de hoxe seguimos coas mesmas liñas e servizo de sempre por que o goberno non da os pasos necesarios para que o servizo mellore.

“En setembro e decembro acordouse no Pleno convocar a todos os grupos en menos de 15 días aos grupos da oposición e non se fixo” sinalou Rubén Arroxo e puntualizou que “na comisión celebrada hoxe a alcaldesa recoñeceu que non vai reunir aos grupos nin vai facer nada para afrontar este problema que padece a cidade”. Para o BNG-AA “non é de recibo que a alcaldesa menosprecie, unha vez máis, os acordos plenarios e non se dean pasos para mudar a situación”.

Arroxo puxo como exemplo o “despropósito” que supón o feito de que os autobuses que pasan por diante da piscina das Pedreiras vaian dar a volta á rotonda da Av. de Madrid, na Tolda nas que “o concello dilapida máis 20.000 € anuais con buses dando 12.000 voltas a unha rotonda”. Para o BNG “esta é unha mostra máis do descontrol sobre os percorridos, liñas e custo do que lle supón ao concello o servizo de buses” e engadiu “resultado tamén do feito de non dar información sobre o novo contrato que continúa escondido no caixón da alcaldesa”.