O CONCELLO ABRIU EXPEDIENTES POR UN TOTAL DE 187 IMPAGOS ENTRE OS QUE DESTACAN OS 121.000 € ADEBEDADOS POLA XUNTA, A DEPUTACIÓN E A USC

Grazas ao traballo do BNG o concello recuperará 162.000 € de impagos do recibo da auga

“Seguiremos vixiantes para que todas e todos paquemos por igual para cubrir os tan necesarios servizos públicos” afirmou Rubén Arroxo

Grazas ao traballo do BNG o concello recuperará 162.000 € de impagos do recibo da auga

Lugo, 22 de decembro de 2017. Rubén Arroxo lembrou a denuncia pública feita polo BNG no pasado mes de maio na que se alertaba de que máis de 500 contadores da auga poderían estar inactivos dende fai moito tempo por falta de inspección e esto supón cuantiosas perdas para o concello. A raíz deste traballo do BNG na oposición incoáronse con éxito expedientes por un total de 187 impagos relativos a regularización de taxas polo servizo municipal de subministración de auga potable e recollida do lixo. O estudo destes casos permitiralle ao concello de Lugo reuperar 162.000 € dos impagos do recibo da auga e recollida do lixo.

Rubén Arroxo sinalou que “cada pouco tempo se debate sobre a necesidade de subir as taxas da auga, pero o primeiro que ten que facer o concello é evitar a fraude e os impagos”. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu que se continúe este traballo de control e inspección e sinalou que ademais das perdas e filtracións e dos contadores que non funcionan correctamente podería haber empresas e industrias que provoquen fraudes no consumo de auga. Arroxo insistiu na necesidade de que se artellen, dende o goberno municipal, mecanismos para controlar o fraude e evitar as perdas. Ademais dende o BNG-AA pídese que se faga público cales son as perdas que se provocan por fraudes no ciclo da auga.

Para o voceiro do BNG “o máis curioso é que son tres entidades públicas as que alcanzan unha maior débeda, sumando entre a Xunta, a Deputación e a Universidade un total de 121.000 € de débeda”. Arroxo informou que o restantes 41.000 € divídense entre 142 propietarios privados, aínda que destacan as comunidades de propietarios de Bulevar Norte que acumulan un total de 33.142,27 € de débeda. Os restantes 141 propietarios suman un total de 7.745,14 € .

As débedas dos organismos públicos pertencen ao SERGAS, a Deputación e a USC. A maior débeda é da Deputación polas instalacións de Los Robles na que se acumulou unha débeda de 32.509,28 € dende o ano 2013, tamén a escola de piragüísmo acumulou 4.035,36 € de impagos por consumo de auga. A Xunta de Galiza terá que pagar un total de 48.831.03 € polo abastecemento de auga do HULA, a recollida de lixo no propio HULA e na antiga Residencia.

Posibles cortes de auga

Nos decretos asinados no concello de Lugo con data do 18 de decembro advértese que no caso de non satisfacer as débedas contraidas co concello de Lugo podería procederse ao corte do subministro de auga nas instalacións sinaladas. Para o BNG “o feito de que se reclamen débedas dende o ano 2013 é unha mostra de que nin uns queren pagar, nin outros teñen ansia por cobrar e de non ter existido as denuncias públicas do BNG estes expedientes non se tería iniciado”.

Enlaces relacionados de novas do BNG denunciando as irregularidades:

http://lugocentro.bng.gal/articulo/novas/bng-aa-preguntara-polas-perdas-provocadas-nos-contadores-da-auga/20170516132427005989.html

 

http://lugocentro.bng.gal/articulo/novas/nin-contadores-dixitais-nin-reforzo-da-plantilla-nin-nova-cartografia-na-xestion-da-auga/20170518132717005990.html