EDILES DO BNG DEMANDARON MÁIS ATENCIÓN AO CAMIÑO PRIMITIVO E APOSTAN POR CREAR UN CORREDOR VERDE DENDE A PORTA MIÑÁ ATA O ENTORNO DO RÍO COS FONDOS EUROPEOS

“Hai que empezar a tratar con seriedade o destino dos fondos EDUSI e o BNG ten propostas” dixo Arroxo

IMG_1056

O BNG xa presentara unha serie de propostas para mellorar a Calzada da Ponte que neste momento acumula importantes deterioros

“Hai que empezar a tratar con seriedade o destino dos fondos EDUSI e o BNG ten propostas” dixo Arroxo

Lugo, 17 de agosto 2017. Ediles do BNG visitaron a zona do Carme e a Calzada da Ponte para demandar unha maior atención para o entorno do Carme, do Camiño Primitivo e da Calzada da Ponte. “Hai que apostar por conectar a cidade co río conservando e poñendo en valor todo o patrimonio natural, arquitectónico e paisaxístico desta zona da cidade” asegurou Rubén Arroxo e lembrou que “os proxectos presentados polo goberno municipal para investir os fondos EDUSI teñen unha escasa relación con este obxectivo”.

Arroxo sinalou que “destes 12,5 millóns de euros presentáronse proxectos para investir uns 2,5 millóns de euros pero non sabemos cales son as propostas do goberno para os outros 10 millóns de euros”. “O BNG ten propostas que xa lle trasladou ao goberno municipal pero neste momento non sabemos se hai intención de telas en conta e de atender as dos outros grupos da corporación” dixo Rubén Arroxo que pediu unha xuntanza de voceiros para tratar este asunto. Arroxo enumerou as propostas do BNG para investir parte dos fondos EDUSI e explicou que “o BNG aposta por crear un Corredor Verde dende a Porta Miñá ata o parque do Pazo de Feiras cun arranxo do camiño Primitivo cun pavimentado axeitado (grava con subcapas drenantes), mellora do aspecto dos muros e a humanización dos espazos”.

Para o BNG “é fundamental actuar conservando muros históricos, árbores insignes e as fachadas que se manteñen de antigas vivendas. Arroxo dixo que “apostamos por crear espazos de esparcemento aproveitando os cursos e fontes de auga, creando regos e pequenos estanques que contribúan a manter mellorar os aspectos paisaxísticos desta zona”. Outra das propostas é o acondicionamento do sendeiro que baixa dende o remate da rúa do Carme e o acondicionamento dun sendeiro humanizado dende a ronda do Carme ata o parque do Pazo de Feiras e que una, á súa vez, co barrio da Cheda. Para a humanización da zona o BNG propón a instalación de zonas de xogos infantiles e, “para manter o a función histórica destes terreos” o  BNG tamén propón a creación de zonas con hortos urbanos municipais.

A recuperación do patrimonio histórico ten que ser un dos eixos fundamentais de traballo e débese acometer un serio estudo arqueolóxico da zona. Arroxo explicou que “o concello debe ter en conta que como froito deste estudo arqueolóxico podería haber que acometer a restauración da posible aparición do anfiteatro romano no Carme e de outros elementos que poidan aparecer”.

 

CALZADA DA PONTE Os ediles do BNG sinalaron que “pintadas e maleza son a paisaxe da Calzada da Ponte que enlaza a cidade co río Miño e pola que discorre o Camiño Primitivo” e Arroxo lembrou que “a Calzada da Ponte é unha das vías singulares de Lugo xa que é a vía de conexión entre os dous elementos máis significativos da nosa cidade, a Muralla e o río Miño” e lembrou que “son moitas as persoas (peregrinos, turistas e visitantes) que, na actualidade, utilizan esta calzada para continuar o Camiño, atravesar a cidade e achegarse ata as beiras do Miño e son moitos os veciños e veciñas que teñen a súa residencia ao longo da Calzada da Ponte ou do outro lado do río e que transitan diariamente por ela”.

A Calzada da Ponte precisa diversas intervencións para axeitar o seu estado de conservación e o seu aspecto á ruta da que forma parte e ás mínimas condicións esixibles por quen nela habitan. Para o BNG “compre acometer, entre outras cousas, o arranxo do pavimento, o acondicionamento dos xardíns existentes na confluencia da Calzada da Ponte coa rúa Santiago, a limpeza de pintadas en diversos puntos da Calzada, a total eliminación da vexetación expontanea nas beirarúas”.

“Hai que empezar a tratar con seriedade o destino dos fondos EDUSI e o BNG ten propostas” dixo Arroxo