O BNG-AA PEDIRÁ A COMPARECENCIA DA ALCALDESA PARA QUE EXPLIQUE NO PLENO CALES SON AS CONDICIÓNS PARA EMPRESA ADXUDICATARIA DO SERVIZO DE BUSES

“Ímoslle dar a alcaldesa a oportunidade de explicar no Pleno como vai funcionar o bus nesta cidade” dixo Arroxo

“O bus non funciona e a alcaldesa mira para outro lado despois de entregar a explotación das liñas sen dar explicación de ningún tipo” afirmou Arroxo

“Ímoslle dar a alcaldesa a oportunidade de explicar no Pleno como vai funcionar o bus nesta cidade” dixo Arroxo

Lugo, 6 de marzo de 2018. O BNG solicitará a comparecencia da alcaldesa no Pleno da Corporación para que dea conta de “por que ten secuestrada a información das novas liñas de buses”. “O feito de que non se explique a situación do contrato, das novas liñas nin se fale sobre o cumprimento dos compromisos da empresa, nin se coñeza cales van ser os novos servizos ofertados, xenera unha inevitable desconfianza” afirmou Arroxo e sinalou “ímoslle dar á alcaldesa a oportunidade de que o explique no pleno para que as veciñas e veciños saiban cal é o servizo de bus que este goberno lle vai dar a Lugo”.

“O bus non funciona e a alcaldesa mira para outro lado despois de entregar a explotación das liñas sen dar explicación de ningún tipo” afirmou Arroxo. O goberno segue sen dar explicacións sobre o novo contrato dos buses e non se sabe nada de como van quedar as liñas de transporte urbano. O BNG-AA presentou, en numerosas ocasións, iniciativas en pleno e comisión para que o goberno comunique como vai quedar definido o servizo público de transporte de pasaxeiros no concello de Lugo pero ate o día de hoxe “os tratos entre a empresa e o goberno municipal continúan sendo segredos”. Xa houbo dous acordos plenarios, en setembro e decembro, para que, nun prazo de 15 días, se dera conta aos grupos da oposición e os acordos non se cumpriron.

Arroxo explicou que “a ninguén se lle escapa que o actual deseño das liñas é totalmente obsoleto e hai servizos que son absolutamente deficientes”. “Non se ten en conta a creación dun novo polígono nas Gándaras, nin da existencia do HULA, nin as necesidades de moitas zonas do rural, nin se tivo en conta as suxestións de moitas persoas e colectivos que presentaron propostas nos prazos previos á adxudicación” afirmou o voceiro do BNG-AA.

Os buses non poden cumprir os horarios

“Pedimos en numerosas ocasións que se eliminen os semáforos da ronda coa velocidade a 30km/h pero o goberno non fixo nada, agora os autobuses non poden cumprir coas limitacións de velocidade e os horarios ao mesmo tempo” afirmou Arroxo e explicou “non é posible que un autobús salga da parada de diante de sindicatos e chegue en 20 minutos a Garabolos”. Sen unha reestruturación das liñas os buses urbanos non poden cumprir os horarios e o goberno municipal debería estar traballando neste asunto.