RODIL CRITICOU O DESMANTELAMENTO DAS BRIGADAS POR PARTE DA XUNTA E SINALOU “A FALTA DE SENSIBILIDADE DA CONSELLEIRA POR TER MOBILIZADO 5 HELICÓPTEROS NA SÚA VISITA Á ESTA ZONA”

Integrantes do Grupo Parlamentar do BNG visitaron as zonas afectadas polo lume en Cervantes

BNGvsistaCervantes
BNGvsistaCervantes

Olalla Rodil e “Mini” Rivas comprobaron as consecuencias dos lumes destes días no que foi un dos maiores incendios do país

Integrantes do Grupo Parlamentar do BNG visitaron as zonas afectadas polo lume en Cervantes

Lugo, 21 de outubro de 2017. Olalla Rodil e “Mini” Rivas comprobaron as consecuencias dos lumes destes días no que foi un dos maiores incendios do país. Rodil cualificou de “tremenda imprudencia” por parte de Xunta ter desactivado o dispositivo de loita contra os lumes dadas as condicións meteorolóxicas de este ano e reclamou “un sistema público 100%, operativo todo ao ano e homoxéneo en toda Galiza, ante un rural abandonado e con características orográficas e de abundancia de biomasa como as que hoxe vimos en Cervantes”.

Rodil criticou o desmantelamento das brigadas por parte da Xunta e sinalou “a falta de sensibilidade da Conselleira por ter mobilizado 5 helicópteros na súa visita á esta zona” e sinalou “hoxe comprobamos, máis unha vez, que en Cervantes e no resto do rural o que hai é que aplicar políticas para axudar ás persoas que viven aquí e que son as que realmente poden manter o territorio”.

A parlamentaria por Lugo, Olalla Rodil, lembrou que “o Bloque propuxo en Xuño, despois do lume de Portugal, a necesidade de mudar 180° a política forestal e que a Xunta negouse” e engadiu “naquel momento advertimos que o mellor antídoto para loitar eficazmente contra os incendios é ter un monte ordenado, produtivo e con usos multifuncionais mais, lamentablemente, as políticas da Xunta camiñan en dirección contraria, potenciando o monocultivo de especies que son altamente incendiarias como o eucalipto e desaproveitando a inmensa riqueza do noso monte, clave para ter un medio rural vivo e libre de lumes”.

“O grave problema é a falta de prevención e o abandono do medio rural que ten convertido Galiza nunha selva”, salienta o portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, “ao que se suma un dispositivo heteroxéneo, atomizado con brigadas de todo tipo, sen que exista unha homologación na preparación, nas funcións nin nas condicións laborais”.

O deputado puxo como exemplo as brigadas nos concellos “que aos tres meses, cando o persoal empeza a estar preparado, desaparece e para o ano outra diferente”. “Non pode haber esa heteroxeneidade, hai que tomarse os lumes en serio, e sobre todo a protección da poboación”, recalcou Rivas, empezando por que se cumpra a normativa en vigor que, entre outras cuestións, establece franxas de protección con casas e infraestruturas de 50 metros.