NA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DE ASUNTOS PLENARIOS CONFIRMOUSE A FALTA DE VONTADE POLÍTICA PARA CREAR UNHA ZONA DE BAÑO NO ENTORNO DO MIÑO

“Lugo continuará sen zona pública de baño mentres o PSOE ou o PP gobernen no concello” dixo Maite Ferreiro

A edil do BNG preguntou, na comisión, pola execución dos diferentes acordos en relación á zona pública de baño

“Lugo continuará sen zona pública de baño mentres o PSOE ou o PP gobernen no concello” dixo Maite Ferreiro

Lugo, 3 de agosto 2018. Maite Ferreiro deu conta, tras a xuntanza da Comisión de Seguimento de Asuntos Plenarios, sobre a información trasladada polo goberno municipal en relación á creación dunha zona pública de baño en Lugo. “A conclusión é que non hai vontade política e que non se vai facer” dixo a edil do BNG e engadiu “Lugo continuará sen zona pública de baño mentres o PSOE ou o PP gobernen no concello”.

Unha vez máis o debate sobre o asunto da zona pública de baño, na comisión,  converteuse nunha longa lista de explicacións sobre informes e contra-informes. Ferreiro lembrou como o goberno socialista anunciou, en innumerables ocasións, a posta en marcha da zona pública de baño “primeiro nun sitio, despois en outro, unha vez con pantaláns, outra con flotadores, pero todo se queda en anuncios e non hai ánimo de buscar solucións axeitadas por que non se quere facer”.

Durante a comisión tentouse reducir a cuestión un rifi-rafe entre PP e PSOE pola implicación das diferentes administracións nas que ámbolos dous gobernan: Concello, Deputación, Xunta e Estado. Para o BNG “a creación da zona pública de baño é unha demanda real das e dos lucenses e por iso as administracións teñen que buscar solucións e afastarse das loitas partidarias”.

Ferreiro lembrou como no ano 2017 o BNG foi capaz de conseguir os permisos oportunos para a instalación dun acceso ao río Miño, cando o voceiro, Rubén Arroxo, realizou os trámites precisos ante a Confederación e a Xunta de Galiza “pediriámoslle á alcaldesa que recoñeza publicamente que o PSOE non quere e non vai facer a zona pública de baño e así deixaría de enganara a todas as veciñas de Lugo”.

O cambio na presidencia da Confederación suporá avances?

Maite Ferreiro sinalou que “aparentemente” o cambio da presidencia da Confederación Hidrográfica non vai supoñer avances neste asunto “a pesares de que o novo presidente semella ser do mesmo grupo político da alcaldesa” e engadiu “o que podería ser unha vantaxe para a axilización dos trámites non vai ter máis efecto que algunha foto de despacho no que se trate este asunto, pero en Lugo seguiremos sen zona pública de baño”.