UN DECRETO, PREVISTO POLO GOBERNO DO ESTADO, PERMITIRÁ A XUBILACIÓN DE AXENTES DA POLICÍA LOCAL AOS 59 ANOS

“Lugo non pode avanzar nunha mellor mobilidade coa perda dun 30% de axentes da policía local” dixo Arroxo

No caso de Lugo este cambio da normativa adiantaría a xubilación de 32 dos 115 axentes do que dispón a policía local

“Lugo non pode avanzar nunha mellor mobilidade coa perda dun 30% de axentes da policía local” dixo Arroxo

Lugo, 4 de decembro de 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, informou que “en breve se podería dar a situación de que Lugo perda un 30% da plantilla da policía local”. Rubén Arroxo sinalou que con este decreto, previsto polo estado, a policía local podería xubilarse aos 59 anos e 32 dos 115 efectivos cos que conta a policía poderían acollerse a esta xubilación anticipada.  Segundo o BNG esta diminución no número de axentes, que podería ser repentina, suporía un incremento considerable nos problemas de tráfico na cidade.

“Lugo non pode avanzar nunha mellor mobilidade coa perda dun 30% de axentes da policía local” dixo Arroxo e explicou que “a cidade precisa dunha actuación global para modificar o concepto de mobilidade e para iso precísase unha renovación na policía local”. A situación do concello de Lugo en materia de persoal é “inestable” e Arroxo lembrou que “está claro que este goberno é incapaz de dar solucións” e sinalou “xa se deron moitos casos de xubilacións que non foron repostas en postos clave como a dirección da banda de música, a xefatura do servizo de bombeiros ou a xefatura do servizo de cultura”.

 

Arroxo apostou por unha renovación secuenciada da plantilla da policía local para “evitar que se volvan a dar situacións nos que unha porcentaxe tan considerable coincida no momento da xubilación”. Para o voceiro do BNG “a política en materia de persoal deste goberno foi funesta e levou a unha situación nunca vista de desmantelamento dos servizos e enfrontamento entre integrantes da plantilla”.