NA SOLICITUDE FEITA POLO CONCELLO PARA A CREACIÓN DA ZONA DE BAÑO, QUE A ALCALDESA PROMETEU COMO “MÁIS PRONTO QUE TARDE”, SO SE PEDÍA AUTORIZACIÓN PARA O ANO 2017

“Lugo tampouco terá zona pública de baño no ano 2018” anunciou Rubén Arroxo

O PSOE, no goberno provincial, impediu que o BNG executara o acceso ao río que tiña autorizado por Confederación e Xunta para a zona de As Saamasas

“Lugo tampouco terá zona pública de baño no ano 2018” anunciou Rubén Arroxo

Lugo, 5 de setembro 2017. O BNG–Asambleas Abertas denunciou, a través do seu voceiro Rubén Arroxo, que o concello de Lugo unicamente solicitou, ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para o período do verán de 2017 a instalación de estruturas para a creación dunha zona pública de baño. Arroxo sinalou que “esto implica que todo o procedemento feito polo concello xa non é válido para o ano vindeiro” e engadiu “Lugo tampouco terá zona pública de baño no ano 2018 e a alcaldesa e o seu equipo volverán a tratar de enganar a lucenses e visitantes con marañas administrativas e trámites inexistentes, cando a realidade é que o PSOE non quere que Lugo teña zona pública de baño”.

Arroxo lembrou como a alcaldesa fixo declaración públicas asegurando que Lugo tería praia fluvial “máis pronto que tarde” pero a realidade é que nin 2011, nin 2012, nin 2013, nin 2014, nin 2015, nin 2016, nin 2017, nin 2018. O voceiro nacionalista sinalou, tamén, que “o PSOE, no goberno provincial, impediu que o BNG executara o acceso ao río que tiña autorizado por Confederación e Xunta para a zona de As Saamasas” e explicou que “neste verán tivemos os permisos correspondentes da Xunta e a Confederación para instalar un acceso seguro ao río na zona de As Saamasas pero a Deputación non respondeu xa que é a propietaria do terreo é a Deputación”.

Para o BNG a posición que ten o PSOE a respecto da zona pública de baño no Miño é a de “non facer, nin deixar facer”, engadindo ademais que se destaparon todas aquelas falacias soltadas polo propio goberno de que era imposible facer esta infraestrutura en Lugo, ao descubrir o BNG, e facelo público, que o goberno municipal nunca rematara as xestións administrativas necesarias “o PSOE vai lograr algo inaudito, impedir que unha iniciativa positiva para Lugo como é esta, e con todos os permisos aceptados, quede paralizada polos seus caprichos” explicou Rubén Arroxo.

Nin por rexistro, nin por whatsapp

Rubén Arroxo foi crítico coa actitude do goberno socialista da Deputación “presentamos un escrito solicitando permiso para instalar o acceso ao río o día 7 de xullo e a día de hoxe aínda non recibimos contestación”. Arroxo sinalou que “a pesares de que contactei directamente co presidente Dario Campos a través do whatsapp non se deu trámite nin resposta á solicitude do BNG”. Para o BNG “é unha demostración máis de que o PSOE, nin dende o concello nin dende a Depùtación, teñen interés nin gañas de que Lugo teña zona pública de baño”.