Máis de medio cento de artistas participaron na cabalgata “A Viaxe dun Soño”

Os magos, 4 carrozas e 8 vehículos históricos saíron do parque da milagrosa ás 18 horas

Durante a cabalgata, os Magos xunto cos paxes reais repartiron máis de 4000 quilos de caramelos

Máis de medio cento de artistas participaron na cabalgata “A Viaxe dun Soño”

Lugo, 05 de xaneiro de 2020. “A viaxe dun soño” foi o título baixo o que a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua organizou a cabalgata de Reis, na que participaron 53 artistas, xunto con 24 persoas voluntarias, nenos e nenas dando corpo a un total de 8 espectáculos tiveron lugar durante o percorrido.

A cabalgata saíu ás 18 horas do parque da Milagrosa, continuando pola rúa Monte Faro e a avenida da Coruña ata a Porta de San Fernando, onde entrou ao recinto amurallado para continuar pola praza de Ferrol e a rúa Bolaño Ribadeneira ata Quiroga Ballesteros. O percorrido continuou pola praza de Santo Domingo e a rúa da Raíña ata chegar á praza Maior ás 19:30.

Somos Unidas contra o Cancro estivo presente cunha das carrozas da cabalgata, que durante todo o percorrido contou tamén coa escolta de 16 axentes da policía local, xunto con 14 efectivos de Protección Civil, unha dotación de bombeiros cunha autobomba e persoal sanitario da Cruz Vermella.

A cabalgata estivo formada por varios espectáculos precedendo ás carrozas. A Danza das estrelas, un baile de luz e de cor foi a encargada de guiar á cabalgata no seu percorrido. Xunto con ela, estivo A Bola Máxica, un espectáculo de acrobacias e circo futurista arredor dunha gran bola máxica. As Cartas reais, un espectáculo de cartas danzarinas, foron as encargadas de transmitir aos reis os desexos e ilusións dos nenos e nenas. Acompañáronas as Carteiras de Xeo. Uns divertidos vehículos, os Velocípedes, fixeron as ledicias de todos os presentes mentres que o reino dos paxaros achegouse a esta cabalgata voando e penicando nas cabezas de todas as crianzas coa danza do Reino dos Paxaros. Uns triciclos Pierrots e agasallos xogaron e interactuaron coa xente, mentres que 6 pompeiras e un zancudo desfilaron coa cabalgata enchendo de burbullas a atmosfera ao seu redor. Por último, 6 medusas luminescentes viñeron á cabalgata de Lugo desde as profundidades do mar. Durante o percorrido, os heraldos foron os encargados de repartir os caramelos entre as persoas presentes.

Máis de medio cento de artistas participaron na cabalgata “A Viaxe dun Soño”