FOLK, JAZZ, FLAMENCO, POP, ELECTRÓNICA, GOSPEL E PSICODELIA CON GRUPOS REFERENTES ENCHERÁN UN DOS ESCENARIOS REFERENTES DO SAN FROILÁN

Maite Ferreiro anuncia os concertos que completan a programación do San Froilán na Praza de Santa María

“Todos os estilos musicais terán presenza nas festas de Lugo con grupos de calidade do panorama estatal e internacional” dixo Maite Ferreiro

Maite Ferreiro anuncia os concertos que completan a programación do San Froilán na Praza de Santa María

Lugo, 19 de setembro de 2019. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou no día de hoxe as últimas confirmacións do San Froilán para a Praza de Santa María. “Son un total de 24 grandes concertos, que se suman aos grupos de Lugo, para facer do San Froilán a Gran Festa do Outono Galego”, indicou Maite Ferreiro.

Xosé Lois Romero & Aliboria encherán a praza o día de inicio das festas, 4 de outubro. É un colectivo de novos músicos galegos que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galiza conxuntando as potentes voces das súas vocalistas cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra. A música de Aliboria combina as voces ancestrais da tradición oral de Galicia coa forza e o colorismo multitímbrico da percusión tradicional, todo tinguido coa frescura e a enerxía que a xuventude dos seus membros lle aporta. Bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.

Os italianos Música Nuda encargaranse durante a noite do día 5 de mostrar co seu jazz arranxos de cancións clásicas de diversos xéneros, que abarcan o pop, o rock, o jazz ou a música clásica. Venderon case un millón de discos principalmente en Italia e Francia, gañaron o premio Targa Tenco como mellor intérprete no 2006 e o premio de Italia de Música Independente, como Mellor Xira Musical, no 2006.

La Shica & Gutman, cantante pop española con formación de flamenco, danza española e ballet clásico, actuará o día 8. E coñecida como a “coplera do século XXI”. O seu espectáculo mestura copla con sons urbanos coma hip-hop e rap. Ao longo da súa carreira realizou numerosas xiras internacionais en Europa, EEUU e países como India, Siria, Xordania ou Líbano.

O músico catalán Joan Garriaga i el Mariatxi Galàctic  traerá a rumba e a cumbia catalás o día 9. Recibiu o Premio de Música Ciutat de Barcelona no 2007. Entre o 1995 e o 2004 foi o líder do grupo Dusiminguet, e desde 2005, foi creador das cancións, voz e acordeonista de La Troba Kung-Fu. Paralelamente realizou varias colaboracións con outros músicos e actualmente está a presentar o seu novo disco.

Os sevillanos Derby Motoreta´s Burrito Kachimba compartirán escenario con Joan Garriaga o día 9. Este sexteto sevillano fusiona o rock psicodélico cun marcado estilo kinki. Califican a súa música como “kinkidelia”, porque é, din “unha mistura do mundo kinki e a psicodelia”.

O sueco Jay Jay Johanson abrirá a noite do día 11, traendo o seu Trip Hop inspirado en sons do jazz ou Bossa Nova, mesturados coa súa característica forma de cantar. Cos seus primeiros discos, conseguiu recoñecemento por toda Europa, evolucionando o seu estilo con influencias do Electro e do Funk. É o compositor da banda sonora da película La Troisième Partie du Monde. Compartirá espazo con Michelle David & the Gospel Sessions, cantante norteamericana de gospel que deu a volta ao mundo co musical de Broadway Mama, I Want to Sing no ano 1992. Acabou en Alemaña onde desenvolveu a súa carreira como cantante de gospel en Europa, e acabou aparecendo na película Abeltje. Co seu retorno aos EEUU, fixo voces de fondo para Diana Ross e Michael Bolton.

O último día de festas, Enric Montefusco traerá as súas letras cargadas de crítica social. Exlíder da banda Standstill que se separarou no 2015 deixando tras de sí un dos legados máis excitantes da escena independente no estado. O cantante debutaba en solitario con Meridiana (2016), disco de dimensión aparentemente persoal pero que acababa por revelarse colectivo e con conciencia de clase. Tres anos despois, Enric Montefusco amplía o seu legado fonográfico cun segundo capitulo de título Diagonal. Máis detallista nos arranxos, Montefusco insiste na súa particular peregrinación cara ese lugar que nos remite a unha canción de autor en connivencia con formas de músicas tradicionais, folklore popular, certos detalles cabareteiros e o seu imborrable poso rock. E sobre este manto sonoro emerxe a súa poética, versos novamente cargados de crítica social e política.