A CANDIDATA DO BNG APOSTOU POR “APROVEITAR OS RECURSOS DE SAMOS, PARA NON TER QUE MARCHAR E PODER VIVIR E TRABALLAR NO NOSO CONCELLO”

María Xesús López encabezará, por primeira vez, a candidatura do BNG en Samos

Empregada de banca e licenciada en Administración e Dirección de Empresas será candidata á alcaldía para “darlle a Samos o impulso que a veciñanza merece”

María Xesús López encabezará, por primeira vez, a candidatura do BNG en Samos

Samos, 23 de marzo de 2019.  María Xesús López será a cabeza de lista do BNG no concello de Samos, empregada de banca e licenciada en Administración e Dirección de Empresas, liderará a candidatura do BNG para “que Samos sexa un referente do rural galego, polas súas políticas integradoras e innovadoras”. “Queremos un Samos acolledor, onde a xente poida sentirse orgullosa do seu concello, do lugar no que vive” afirmou López e engadiu “temos exemplos de que os gobernos do BNG transforman os concellos como Sarria, Pobra do Brollón, Ribadeo ou Muras e queremos que Samos mire cara o futuro cun goberno que teña proxecto para o noso concello”.

 

A candidata do BNG apostou por “aproveitar os recursos de Samos, para non ter que marchar e poder vivir e traballar no noso concello”. María Xesús López propón un proxecto que “recupere a ilusión dos veciños e veciñas e rompa coa dinámica de abandono do rural, de xente nova emigrando, de casas baleiras, de explotacións agro-gandeiras que pechan, de oportunidades de negocio desaproveitadas” ademais sinalou “Samos ten unha situación privilexiada para proxectar o concello de Samos como referente turístico a nivel mundial”.

 

A candidatura do BNG ten como obxectivo desenvolver os recursos que o concello de Samos posúe e transformalos nun modelo de vida que ilusione e satisfaga as necesidades da veciñanza, para agora e o futuro. “Samos precisa xente ilusionada para transformar as políticas municipais e facer propostas ambiciosas, pero realistas, que sirvan para revitalizar Samos”.