NA COMISIÓN DE INFRAESTRUTURAS, EN RESPOSTA AO BNG, O GOBERNO MUNICIPAL ADMITIU A FALTA DE ACORDOS ENTRE CONCELLO E XUNTA PARA FACER ROTONDA ENTRE S. EUFRASIO E FONTIÑAS

“Nin se vai facer a rotonda de S. Eufrasio nin se vai facer nada para mellorar o tráfico en Fontiñas” lamentou Arroxo

Arroxo criticou que “ademais o goberno utiliza a súa incapacidade negociadora coa Xunta para xustificar que non vai facer nada en Fontiñas para mellorar o tráfico”

“Nin se vai facer a rotonda de S. Eufrasio nin se vai facer nada para mellorar o tráfico en Fontiñas” lamentou Arroxo

Lugo, 18 de xaneiro 2018. “O goberno municipal acaba de recoñecer que nin se vai facer a rotonda entre San Eufrasio e Fontiñas, nin o goberno municipal vai acometer o estudo que anunciou para mellorar a fluidez do tráfico en Fontiñas” informou Rubén Arroxo despois da celebración da Comisión de Infraestruturas celebrada hoxe. En resposta ao BNG, o goberno municipal admitiu a falta de acordos entre Concello e Xunta para facer rotonda entre S. Eufrasio e Fontiñas e o concelleiro responsable, Manuel Núñez, sinalou que a obra demandada non se vai executar de momento.

Arroxo sinalou que “este é o traballo que os grupos políticos temos que facer e mentres outros andan enredados en asuntos burocráticos, o BNG traballará para que se resolvan os problemas desta cidade que afectan verdadeiramente a veciñas e veciños”. Por proposta do BNG, o goberno municipal anunciara en febreiro do ano pasado que ía iniciar os estudos para a posible eliminación dunha liña de aparcamento na ronda Fontiñas e mellorar asía a fluidez do tráfico neste vial. “Hoxe o concelleiro do PSOE afirmou que estes estudios tampouco ían a facerse por que ao non facerse a rotonda con San Eufrasio non tiña sentido facelos” dixo Arroxo que amosou a súa sorpresa por esta contestación xa que “nada ten que ver a existencia, ou non, dunha rotonda para que se modifique a cantidade de vehículos que entran a transitar por Fontiñas”.

Rubén Arroxo criticou que “ademais o goberno utiliza a súa incapacidade negociadora coa Xunta para xustificar que non vai facer nada en Fontiñas para mellorar o tráfico” e avanzou que o BNG pedirá explicación “tanto ao goberno municipal socialista como ao goberno popular da Xunta” sobre a falta de acordo para facer a rotonda entre San Eufrasio e Fontiñas. Ademais Arroxo anunciou o comenzo dunha campaña para informar ás veciñas e veciños da zona sobre esta decisión do goberno municipal.

 

Semáforos na ronda e rotonda en San Fernando

Tamén en resposta ás preguntas realizadas polo BNG na comisión o representante do goberno municipal recoñeceu que “xa esta listo o proxecto para a creación dunha rotonda na intersección da ronda da muralla coa av. da Coruña e a correspondente eliminación dos semáforos neste punto”. Arroxo engadiu “parece ser que o goberno considera a proposta do BNG para a eliminación de semáforos na ronda da muralla pero non se nos facilitou información sobre cantos nin cales”.