OLALLA RODIL: “DEBEMOS FOMENTAR A PRÁCTICA DEPORTIVA ENTRE A MOCIDADE”

Un novo pavillón polideportivo forma parte das propostas do BNG para Lugo

Olalla Rodil lembrou o compromiso do BNG na deputación de Lugo para apoiar esta infraestrutura
Un novo pavillón polideportivo forma parte das propostas do BNG para Lugo

Lugo, 07 de marzo de 2020. A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, presentou as propostas do BNG para a práctica deportiva en Lugo. Rodil visitou as instalacións do Pazo Provincial dos Deportes, acompañada da Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, Rubén Arroxo, Tenente de Alcalde de Lugo, e de Efrén Castro, deputado provincial de Deportes. “Lugo ten unha carencia de instalacións deportivas, tanto para a práctica en tempo de lecer como para a competición, ademais de permitir que deportes que están gañando popularidade nos últimos tempos, como o rugby, conten con instalacións válidas para practicalos”, declarou Olalla Rodil.

 

“Unha das políticas que historicamente aplicou o BNG dende as institucións foi fomentar a práctica deportiva entre a mocidade, e para seguir nesta liña debemos rematar coa situación precaria de Lugo, provocada pola falta de instalacións”, indicou Olalla Rodil, que engadiu “nesta liña xa contamos co apoio da Deputación de Lugo, coa que dende o próximo goberno da Xunta de Galiza colaboraremos para dotar a Lugo da infraestrutura que merece”.

 

“Dende as áreas xestionadas polo BNG no concello de Lugo xa se puxeron en marcha para facilitar a apertura das instalacións deportivas nos centros de ensino”, declarou Olalla Rodil. A candidata do BNG afirmou que “a partir do 5 de abril o novo goberno da Xunta de Galiza colaborará con Lugo e con todos os concellos que o soliciten, para fomentar a práctica deportiva no tempo de lecer”.