Olalla Rodil aposta por un grupo lácteo galego e pola transformación ante a crise do sector leiteiro

Olalla Rodil aposta por un grupo lácteo galego e pola transformación ante a crise do sector leiteiro

Rodil visitou Meira e denunciou o incumprimento das promesas do goberno central e galego no “fallido acordo do sector lácteo” despois das tratoradas

“Cando o BNG estivo no goberno da Xunta foi cando mellor tratado estivo o agro galego” asegurou Olalla Rodil

 

Lugo, 21 de agosto 2016. A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil visitou hoxe a vila de Meira, acompañada de cargos institucionais da comarca e participou na Festa de Malla que se celebra na vila dende cumpriu este ano as 25 edicións. Durante a visita, Rodil manifestou que a grave crise que padece o sector lácteo “ten responsabilidades políticas” e cualificou de “engano” o acordo do goberno do Estado e galego para o sector asinado hai máis dun ano. Neste sentido, lembrou que os labregos e labregas seguen tendo os prezos máis baixos do leite e persiste a súa “indefensión” ante as empresas.

 

É urxente, dixo, unha solución para o sector lácteo baixo a protagonismo do goberno galego e a esixencia dun marco de dialogo como xa aconteceu no seu momento coa mesa do leite co fin de garantir prezos xustos así como establecer liñas para dimensionar o sector. Olalla Rodil insistiu que Galiza necesita un “plan estratéxico” que apoie a creación dun grupo lácteo galego, a transformación do produto e sacar o máximo rendemento ao grande potencial galego no sector para non acabar sendo “meros produtores de leite a prezo low cost”.

Meira 2

A candidata por Lugo anunciou que a aposta do BNG pasa pola innovación e transformación do sector lácteo no noso país e lembrou que “cando o BNG estivo no goberno da Xunta foi cando mellor tratado estivo o agro galego”. Olalla Rodil afirmou que o BNG “é un proxecto sólido” que coñece as necesidades e os problemas do agro e engadiu “temos un proxecto alternativo de país e con candidaturas excelentes nas que a xente pode confiar porque temos solvencia, capacidade, proxecto e experiencia de goberno”.