Olalla Rodil sinalou que a “axenda feminista será unha prioridade para o BNG no Congreso”

A candidata nacionalista criticou os incumprimentos das forzas estatais e comprometeuse a impulsar cambios lexislativos para recoñecer as agresións sexuais como violencia de xénero
Olalla Rodil sinalou que a “axenda feminista será unha prioridade para o BNG no Congreso”

Lugo, 28 de outubro.   A candidata do BNG ao Congreso dos Deputados por Lugo, Olalla Rodil, e a vicepresidenta da Deputación e concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, participaron esta tarde nun encontro aberto sobre feminismo no Centro Social Uxío Novoneyra de Lugo.

A ribeirega sinalou que “a axenda feminista forma parte fundamental da axenda política de país que o BNG defenderá no Congreso” e como prioridade o impulso dos cambios lexislativos comprometidos e esquecidos por parte das forzas políticas estatais en relación coa violencia de xénero.

IMG_8453

 

Rodil recalcou as lagoas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero que non só recoñece como violencia de xénero a sufrida polas mulleres no ámbito da parella, deixando fóra deste recoñecemento e polo tanto de protección ás mulleres do entorno da vítimas ou os seus fillos e fillas e tamén as que sofren agresións sexuais.

Neste sentido, a candidata reivindicou a Lei galega de prevención e tratamento integral da violencia de xénero impulsada pola Secretaria Xeral de Igualdade dirixida por Carme Adán en 2007, que foi pioneira neste eido ao recoñecer como vítimas de violencia de xénro calquera forma de violencia ou discriminación machista que sofren as mulleres por seren mulleres. 

“As forzas políticas estatais comprometeron cambios lexislativos nesta materia pero non se implementaron. Temos a sensación de que esta materia non é unha prioridade nin unha urxencia. A axenda móvese a golpe de efeméride”, zanxou

Ademais de impulsar estes cambios normativos, a candidata nacionalista sinalou que o BNG se oporá no Congreso á despenalización dos ventres de aluguer e defenderá a necesidade dunha lei de identidade de xénero.

As políticas nacionalistas tamén compartiron as consideracións das persoas que asistiron ao coloquio, que incidiron na educación ou na prevención e protección das vítimas no ámbito rural 

O coloquio celebrouse no marco programa de relatorios que o grupo de Acción Feminista do BNG ven desenvolvendo na cidade desde 2005.