“RESULTA CURIOSO QUE O MESMO DÍA QUE O BNG LEVA ESTE TEMA AO PLENO DO PARLAMENTO, O PP VAIA REUNIRSE CON VECIÑOS E VECIÑAS DO BARRIO” DIXO OLALLA RODIL

Olalla Rodil tachou aos Populares de “seguir vendendo fume” e de enganar no tema da Residencia

A Parlamentaria do BNG participou na campaña de recollida de sinaturas para demandar un xulgado específico de violencia de xénero para Lugo

Olalla Rodil tachou aos Populares de “seguir vendendo fume” e de enganar no tema da Residencia

Lugo, 7 de abril de 2017. A vice-voceira do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, participou na campaña de recollida de sinaturas para demandar un xulgado específico de violencia de xénero para Lugo, neste acto Rodil fixo unha valoración dos orzamentos do Estado e tachou aos populares de “seguir vendendo fume”. Rodil asegurou que Lugo, xunto con Ourense, segue sendo a grande esquencida do Partido Popular e que “seguen pendentes as mesmas infraestruturas que fai 10 anos e sen traza de que se vaian facer”.

Rodil manifestou a súa sorpresa polo feito de que o barrio da Residencia e o antigo edificio continúe abandonado “resulta curioso que o mesmo día que o BNG leva este tema ao Pleno do Parlamento, o PP vaia reunirse con veciños e veciñas do barrio” dixo Olalla Rodil e lembrou que “o PP segue coas mesmas promesas que en 2012, 2015 e na campaña de setembro de 2016”. A Parlamentaria do BNG anunciou “seguiremos defendendo as demandas de dotacións socio-sanitarias, útiles para a poboación, nese edificio que se está deteriorando progresivamente”.

A deputada tamén  lembrou que trala apertura do hospital HULA, a antiga residencia está en desuso aínda que deses edificios díxose de todo como,   que acollerían un PAC e  un centro de saúde para atender o Barrio da Milagrosa. Hai cinco anos, volvíase a anunciar  que as obras de recuperación e mellora da infraestrutura eran inminentes, pero “pasaron cinco anos e nada de nada”, indicou. A deputada censurou que a única proposta do goberno sexa destinar a antiga residencia a unha nova comisaria de policía “aínda que tampouco aparece ningunha partida económica para tal fin nos orzamentos do Estado”. Para Rodil, “a Xunta non debería funcionar como unha axencia inmoviliaria do Ministerio do Interior”, sobre todo tendo en conta as necesidades sanitarias da cidade, e concretamente coa barrio da Milagrosa.

Recollida de sinaturas

A parlamentaria nacionalista apoiu o traballo de recollida de sinaturas para demandar un xulgado específico de violencia de xénero para Lugo e felicitouse pola boa acollida que está a ter esta campaña entre as lucenses e os lucenses. Rodil sinalou a forte demanda social que hai en relación a este tema xa que “é unha necesidade que as mulleres vítimas de violencia de xénero sexan atendidas por profesionais ben formados nun xulgado específico”. Rodil adiantouse ás críticas do PP que “cada vez que falamos deste tema saen dicindo que hai un pacto de estado, e non é así”. Rodil explicou que “hai un acordo entre as forzas políticas con representación no Parlamento Galego para demandarlle ao goberno do Estado a creación deste xulgado pero o goberno do Estado non fixo absolutamente nada para que Lugo conte con este xulgado”