O VOCEIRO DO BNG-AA FIXO O PERCORRIDO DA LIÑA 10 E AFIRMOU “É IMPOSIBLE CUMPRIR OS TEMPOS CO DESEÑO ACTUAL E ESTO LEVA A SITUACIÓNS DE VERDADEIRO PERIGO NAS RÚAS”

“Os percorridos do bus de Lugo son unha verdadeira carreira contra-reloxo”

“xa demostramos a estafa dos 20.000 € ao concello dos autobuses dando 12.000 voltas na rotonda da Tolda e comprobamos como é practicamente imposible facer os actuais percorridos das liñas nos tempos estipulados, aínda así a alcaldesa segue coa información no caixón e é imposible que acometer melloras” afirmou Arroxo

“Os percorridos do bus de Lugo son unha verdadeira carreira contra-reloxo”
Lugo, 23 de marzo 2018. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, realizou o percorrido do bus que cubre a liña 10 entre a estación de servizo de San Rafael, na av. da Coruña, e a piscina das Pedreiras. “Quixemos comprobar se é factible que o transporte urbano de pasaxeiros cumpra cos tempos que ten establecidos” e explicou “a pesares de que foi un día con pouco tráfico é practicamente imposible cumprir os tempos co deseño actual e esto leva a situacións de verdadeiro perigo nas rúas da cidade”.

“Detectamos que é duns 10 minutos o retraso medio que se acumula en cada percorrido da liña 10, que ten un tempo de 1 hora de tránsito e 54 paradas,” sinalou o voceiro do BNG e calculou que “de non ser pola profesionalidade das persoas que conducen os autobuses e pola súa pericia o retraso normal acumulado ao longo das 15 viaxes diarias acumularía 2 horas e media (150 minutos)”. Arroxo sinalou que o feito de ter que recuperar este tempo somete ao persoal da empresa de transporte a un estrés que pode resultar perigoso para a circulación, pasaxeiros, peóns e elas mesmas.

Arroxo lembrou as numerosas queixas de persoas usuarias do transporte público urbano polo velocidade coa que circulan os vehículos “na viaxe que fixemos non detectamos ningún incumprimento dos límites de velocidade pero é certo que case sempre viaxamos no límite do permitido e para un vehículo desas dimensións a sensación de velocidade é moito maior que nun utilitario”. “Non entendemos como o goberno municipal permite esta situación e non é capaz nin de falar co restos de grupos da corporación para presentar as propostas de remodelación do servizo de buses” concluíu Arroxo.

Rubén Arroxo relatou “fixemos o percorrido completo nun utilitario, cunha duración de 1:07 minutos, no camiño de ida fixémolo saíndo ás 13:25 da estación de S. Rafael e chegando á piscina das Pedreiras con dous minutos de retraso sobre o horario previsto, que eran as 14:00 horas, pero sempre fomos ao límite da velocidade permitida e non fixemos ningunha parada das 54 paradas que ten esta liña”. Arroxo sinalou que “evidentemente non coincidimos co autobús que fai esa liña por que tiña retrasos acumulados de toda a mañá”.

“No camiño de volta fixemos o traxecto xunto co vehículo da empresa de transportes que cubría a liña e o resultado foi máis sorprendente, chegamos ás 14:32 a pesares de que a hora estipulada son as 14:25 pero é imposible chegar dende o Campus ata S. Rafael na av. da Coruña en 25 minutos e desviándose por diferentes rúas”. “A tensión durante o traxecto foi tremenda e comprobamos a habilidade da persoa que conducía para tratar de cumprir co horario, pero aínda así resulta practicamente imposible facer o percorrido no tempo marcado” afirmou Arroxo.

Continúa o escurantismo

Non se entende o ocultismo que a alcaldesa e o seu goberno fai sobre as novas liñas de autobús, “xa demostramos a estafa dos 20.000 € ao concello dos autobuses dando 12.000 voltas na rotonda da Tolda e comprobamos como é practicamente imposible facer os actuais percorridos das liñas nos tempos estipulados, aínda así a alcaldesa segue coa información no caixón e é imposible que acometer melloras” afirmou Arroxo. O voceiro do BNG-AA tamén salientou a falta de interese en que se poidan dar pasos tanto no funcionamento dos vehículos como na información existente nos paneis informativos que, en moitos casos, non funcionan.