O VOCEIRO DO BNG VOLVEU CRITICAR A INSISTENCIA DO PP POR PROMOVER UNHA XURA CIVIL DE BANDEIRA EN LUGO “É SORPRENDENTE QUE ESTA SEXA A GRANDE PREOCUPACIÓN DOS POPULARES”

“O PP preocúpase por quen vai á Coruña xurar bandeira e non polas persoas que viaxan infartadas” dixo Arroxo

Rubén Arroxo lembrou “a todas as persoas que semanalmente tiveron en teñen que viaxar, tamén á Coruña, para recibir tratamentos de radioterapia ou afeccións cardíacas”

“O PP preocúpase por quen vai á Coruña xurar bandeira e non polas persoas que viaxan infartadas” dixo Arroxo

Lugo, 9 de xaneiro 2018. Ante a insistencia do PP de organizar unha xura civil de bandeira española en Lugo, o voceiro do BNG - AA, Rubén Arroxo, mostrouse sorprendido por ver que “esta sexa a grande preocupación dos populares”. Para o concelleiro nacionalista resulta rechamante ver como, “mentres o Partido Popular non é quen de instalar o servizo de Hemodinámica 24 horas en Lugo, ven con malos ollos que houbera xente que tivera que desprazarse ata a Coruña para xurar unha bandeira”.

Para o portavoz do BNG é unha cuestión que definiu de grave, ante a cal manifestou “ao PP preocúpalle a xente que marcha á Coruña xurar bandeira e non a que vai infartada”, e anima aos populares a centrarse no que realmente lle preocupa á veciñanza de Lugo por que “semella que o PP quedou instalado nunha guerra ideolóxica con sigomesmo para demostrar que está máis á dereita que outras forzas políticas”.

Arroxo lembrou “a todas as persoas que semanalmente tiveron en teñen que viaxar, tamén á Coruña, para recibir tratamentos de radioterapia” e urxiu “a imperiosa necesidade” de poñer en marcha o servizo de hemodinámica as 24 horas “por que se é certo que poder resultar latoso desprazarse á Coruña para participar nun acto de xura civil de bandeira, máis molesto debe ser viaxar cunha afección cardíaca e coa vida en perigo”.

“Estamos ante un partido popular pendente de acercar as xuras civís de bandeira á cidadanía mentres traballan dende os gobernos para alonxar os servizos” afirmou Arroxo que fixo referencia, tamén, ao peche das áreas sanitarias de Monforte e A Mariña “seguro que as veciñas e veciños que quedan sen servizo sanitario nos hospitais comarcais estarán encantados, tamén, de vir facer a xura da bandeira depaso que veñen á consulta ao hospital de Lugo por que o que teñen máis próxima ás súas vivendas está a sufrir os recortes deste Partido Popular preocupado por reforzar a españolidade dos lucenses”.