CADA TARDE REALIZARASE UN OBRADOIRO E UNHA ACTUACIÓN

Preséntase o programa para público familiar “O que Queda de Verán”

Desenvolverase no patio do vello cárcere as tardes dos xoves até o 12 de setembro

Preséntase o programa para público familiar “O que Queda de Verán”

 

Lugo, 21 de agosto de 2019. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o programa para público familiar “O que Queda de Verán”. “Este programa, que se desenvolverá no patio do vello cárcere entre o 22 de agosto e o 12 de setembro, animará as tardes dos xoves cun obradoiro entre as 18 e as 19 horas e un espectáculo entre as 19 e as 20 horas”, indicou Maite Ferreiro.

 

“O que queda de verán” comezará o 22 de agosto cun obradoiro de creación de instrumentos musicais de refugallo e co espectáculo “Cores, contos e Rock and Roll” da man de Pakolas, onde a interacción coas nenas e nenos, a música acompañada por contos e historias e as cores e debuxos en directo de Laura Romero son o principal atractivo para o público.

 

O día 29, realizarase un obradoiro de globoflexia e contarase coa actuación de Cozorellos Salvaxes, grupo musical infantil que ten como principal obxectivo entreter e facer pedagoxía contra a homofobia e o racismo. A través das súas cancións, maniféstanse a favor do feminismo e da diversidade.

 

Xa en setembro, o día 5 realizarase un obradoiro de traballos manuais de temática circense e actuará Martiña Soñadora, con Sabela King e Carlos Gil, onde os nenos e nenas bailarán, aprenderán das músicas e gozarán de cancións con ritmos brasileiros, portugueses, do rock and roll e mesmo do blues con fermosas letras en galego e incluso en francés.

 

“O que queda de verán” rematará o 12 de setembro cun obradoiro de pintura e investigación en familia impartido pola asociación socio-educativa Antonio Gandoy e dirixido a familias con nenas e nenos de 6 meses a 3 anos. A última actuación, titulada Contos para un Mundo Mellor, levarana a cabo Diego Maceiras e Gloria Mosquera, na que contan varias historias con música e cancións, nas que se tratan temas como o medo, o coidado da natureza ou o saber dicir non, facendo reflexionar sobre a importancia da empatía, da prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como mecanismos necesarios de paz e felicidade.