MÓNICA FREIRE XA FOI ELECTA COMO DEPUTADA DO BNG POLO PARTIDO XUDICIAL DE MONDOÑEDO E MAITE FERREIRO E EFRÉN CASTRO SERÁN ELIXIDOS ESTE XOVES POLO PARTIDO XUDICIAL DE LUGO

Primeira xuntanza do que será o Grupo Provincial do BNG na Deputación de Lugo

Efrén Castro, Maite Ferreiro e Mónica Freire mantiveron un primeiro encontro para trazar as liñas básicas do que será o traballo do BNG na Deputación de Lugo

Primeira xuntanza do que será o Grupo Provincial do BNG na Deputación de Lugo

Lugo, 9 de xullo de 2019. Efrén Castro, Maite Ferreiro e Mónica Freire serán os representantes do BNG na Deputación de Lugo a partir da conformación da corporación provincial. Mónica Freire, concelleira en Ribadeo, xa foi electa como Deputada do BNG polo partido xudicial de Mondoñedo e Maite Ferreiro, concelleira en Lugo, e Efrén Castro, concelleiro en Sarria, será elixidos este xoves polo partido xudicial de Lugo. No día de hoxe mantiveron a primeira xuntanza do que será o Grupo Provincial do BNG na Deputación de Lugo. Na xuntanza trazáronse as liñas básicas para definir o traballo do BNG na Deputación de Lugo.

Maite Ferreiro Tallón é a actual concelleira responsable da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua no concello de Lugo e compatibilizará esta actividade coa de Deputada Provincial. Efrén Castro é o actual voceiro do BNG no concello de Sarria e no pasado mandato ostentou a Tenencia de Alcaldía do goberno municipal sarriano. A concelleira ribadense Mónica Freire Rancaño é responsable, no goberno municipal, das delegacións de Obras e Servicios Sociais, ademais foi voceira do BNG no concello da Pontenova durante varios mandatos.

O BNG fai unha aposta pola renovación do grupo provincial na Deputación de Lugo que, tras as últimas eleccións municipais, incrementar a súa representación. O papel do BNG será clave para a gobernabilidade da institución. As tres persoas que ocuparán a responsabilidade de representar ao BNG foron elixidas e refrendadas polos correspondentes organismos da formación nacionalista.