A ALCALDESA SOCIALISTA IMPEDIU, EN COMISIÓN, QUE A PROPOSTA DO BNG SEXA TRATADA NO PLENO QUE SE CELEBRARÁ O XOVES 26 DE XULLO NO CONCELLO DE GUITIRIZ

O PSOE rexeita declarar "persoas non gratas" aos membros da manada no Pleno do Concello de Guitiriz

“Con esta decisión o Partido Socialista impide o debate dunha iniciativa do BNG que está sendo tratada e aprobada na maior parte dos concellos galegos” dixo o voceiro do BNG

O PSOE rexeita declarar "persoas non gratas" aos membros da manada no Pleno do Concello de Guitiriz

Guitiriz, 21 de xullo 2018. O BNG de Guitiriz amosou a súa “perplexidade e indignación” ante a decisión do PSOE de impedir a elevación ao Pleno do concello da iniciativa presentada para declarar persoas non gratas aos membros da manada. “Con esta decisión o Partido Socialista impide que o debate e aprobación dunha iniciativa do BNG que está sendo tratada e aprobada na maior parte dos concellos galegos e do estado español” dixo o voceiro do BNG.

O Bloque de Guitiriz presentou, á Comisión de asuntos do Pleno celebrada onte, dúas iniciativas para ser tratadas na sesión plenaria do vindeiro xoves 26 de xullo. Unha para que Pleno se posicione contra o novo proxecto de pasos a nivel de Parga e outra para declarar "persoas non gratas" aos violadores da manada. Na comisión, o grupo socialista de goberno negouse a que a iniciativa do BNG fose incluída entre os asuntos do Pleno.

O voceiro do BNG en Guitiriz sinalou que "fai anos que non se rexeita unha iniciativa nesta comisión, nin nos tempos do PP... “ e engadiu “en moitos concellos unha iniciativa similar á nosa é presentada polo propio PSOE e apoiada nos concellos nos que a presenta o BNG, o mesmo PSOE que en Guitiriz impide que sexa tratada”. Dende o grupo de goberno alégase que “coa iniciativa do BNG estase poñendo en dúbida unha resolución xudicial”, a este respecto dende o BNG aclarase que “a nosa proposta está encamiñada a manifestar a reprobación social das persoas que cometeron uns actos deleznables aproveitando a súa superioridade física”.

Sobre o respecto ás sentencias
”En todo caso, resulta curioso que diga esto a Alcaldesa que se vanagloria de non cumprir unha sentenza de readmisión dun traballador, que despediu ela por capricho persoal, a pesar de ter que pagarlle o salario do tempo que pase á readmisión definitiva sen acudir a traballar con fondos públicos” concluiu o voceiro do BNG.