ESTE CICLO ORGANIZADO CONXUNTAMENTE POLAS ÁREAS DE CULTURA DA DEPUTACIÓN E DO CONCELLO ABRIU DURANTE O MES DE SETEMBRO A CAPELA DE STA. MARÍA Á CULTURA

Remata o ciclo de concertos “o que queda de verán na Capela” co grupo Raiceira

Raiceira, proxecto de folk galego formado por dúas mulleres, destacou pola súa orixinalidade e personalidade

Remata o ciclo de concertos “o que queda de verán na Capela” co grupo Raiceira

Lugo, 20 de setembro de 2019. “O que Queda de Verán na Capela”, ciclo de concertos organizados na capela de Santa María polas áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, rematou no día de hoxe cun concerto de Raiceira. A Concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou “a boa acollida que tivo este programa, con tres concertos de diferentes estilos, dirixindo así a oferta cultural a todos os públicos”.

O que queda de verán na capela consistiu en tres concertos celebrados no serán dos venres na capela de Santa María. O ciclo de concertos comezou o 6 de setembro, co Dúo Fracanapa & As Sonoridades do Tango, integrado por Sussanne Hofmann e Matías González, que interpretaron un repertorio centrado nos grandes compositores da música rioplatense, desde Carlos Gardel ata a obra vangardista de Astor Piazolla. 

O 13 de setembro, Ensemble Hottetrre, deu a coñecer as innovacións que realizou Jacques-M. Hottererre, músico da corte de Luís XIV e Luís XV de Francia, no mundo da música de cámara. Este músico foi un dos máximos representantes do uso da gaita de fol na chamada “música erudita”.

O que queda de verán na capela rematou, no día de hoxe, co concerto de Raiceira, proxecto de folk galego que destaca pola súa orixinalidade e personalidade. Estas dúas lucenses parten de melodías da nosa tradición popular e reinterprétanas mesturando as influencias doutros estilos, instrumentacións e aprendizaxes. Deste xeito, un instrumento como o violonchelo, asociado normalmente á música clásica, mestúrase coa voz, percusión de man e gaita, nun repertorio que respecta as características propias da orixe xeográfica e o carácter feminino das melodías, transmitidas por mulleres de xeración en xeración