Remata o programa para público familiar “o que queda de verán”

Maite Ferreiro: “trataremos de repetir estas actividades nos vindeiros anos”

Remata o programa para público familiar “o que queda de verán”

Lugo, 12 de setembro de 2019. No día de hoxe rematou o programa para público familiar “o que queda de verán”. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, indicou que “desde o concello valoramos estas actividades como un éxito en participación”, e engadiu que “traballaremos para repetir estas actividades nos vindeiros anos, porque temos o obxectivo de facer do Vello Cárcere un centro de referencia da programación cultural da cidade”.

 

“O que queda de verán” desenvolveuse durante as tardes dos xoves no patio do Vello Cárcere, onde cada un dos días se realizou un obradoiro seguido dun espectáculo musical. Durante as últimas semanas, realizáronse obradoiros de globoflexia, creación de instrumentos musicais con refugallos e traballos manuais de temática circense, acompañados dos espectáculos “cores, contos e rock and roll”, da man de Pakolas, “Martiña Soñadora”, con Sabela King e Carlos Gil, e a actuación de Cozorellos Salvaxes.

 

No día de hoxe, realizouse un obradoiro de pintura e investigación en familia impartido pola asociación socio-educativa Antonio Gandoy e dirixido a familias con nenas e nenos de 6 meses a 3 anos. O espectáculo musical, titulado “Contos para un Mundo Mellor”, levárono a cabo Diego Maceiras e Gloria Mosquera, na que contaron varias historias con música e cancións, nas que tratan temas como o medo, o coidado da natureza ou o saber dicir non, facendo reflexionar sobre a importancia da empatía, da prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como mecanismos necesarios de paz e felicidade.