O VOCEIRO DO BNG-AA CRITICOU QUE O PP DILAPIDE PATRIMONIO PÚBLICO “NON SABEMOS CAL É O OBXECTIVO DESTA VENTA PERO SABEMOS QUE NON SERÁ BO PARA LUGO FACÉNDOA DESTE XEITO”

“Por respecto a Lugo deberíase parar a venta dos inmobles da Tinería ata celebrar a mesa en novembro” dixo Arroxo

“O propio Balseiro recoñeceu que non existen bases para sacar os inmobles á venta e isto é un síntoma inequívoco da trapallada que queren facer” afirmou Rubén Arroxo

“Por respecto a Lugo deberíase parar a venta dos inmobles da Tinería ata celebrar a mesa en novembro” dixo Arroxo

Lugo, 10 de outubro de 2017. O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu que “por respecto aos veciños, se pare a venta dos inmobles da Tinería ata celebrar a mesa en novembro”. Para o BNG “non é normal que a Xunta leve adiante esta venta de patrimonio público cando está convocada unha mesa para abordar a problemática deste barrio que vai moito máis aló da propiedade dos inmobles”. O voceiro do BNG-AA criticou que o PP dilapide patrimonio público “non sabemos cal é o obxectivo desta venta pero sabemos que non será bo para Lugo facéndoa deste xeito”.

“O propio Balseiro recoñeceu que non existen bases para sacar os inmobles á venta e isto é un síntoma inequívoco da trapallada que queren facer” afirmou Rubén Arroxo e lembrou que o propio Delegado da Xunta en Lugo recoñeceu o outro día publicamente, na visita á Tinería, que aínda non estaban feitas as bases para a enaxenación dos inmobles. Arroxo sinalou que “poucas garantías pode ofrecer a Xunta cando pon o carro diante dos bois e saca á venda uns inmobles sen ter elaborada a documentación para un proceso de poxa como o que se anunciou”.

O pasado día 6 o BNG-AA trasladou unha serie de propostas e solicitoulle ao Goberno Galego que se paralice toda decisión de calado sobre este barrio ata ter escoitado a propia mesa de traballo que se constituirá o vindeiro 13 de novembro. Arroxo apuntou que propoñemos esta paralización “posto que, tras a proposta da veciñanza, vense de aprobar a constitución dunha mesa especifica para tratar o barrio da Tineria con representación de todos os grupos municipais, Xunta de Galiza, subdelegación do goberno e asociacións veciñais e empresarias do barrio”.

O BNG-AA propón que a Xunta de Galiza manteña a propiedade dos inmobles da Tinería, que se desenvolva un plan para a dinamización destes inmobles de xeito que se promova a vida no barrio a través da implantación de negocios e servizos vencellados á promoción turística e encamiñados a xenerar unha rehabitación sustentable do barrio. Para o BNG-AA “é fundamental que se manteña o sistema de alugueiro para orientar o uso e ocupación dos locais ademais de poñer en marcha un plan de conservación e posta en valor dos inmobles e do seu contido”.

Rubén Arroxo sinalou que “coa enaxenación destes inmobles o goberno do PP será responsable dunha importante perda de patrimonio público que pasará a mans privadas moi por debaixo da inversión que se leva realizado para a súa rehabilitación”. O proxecto de rehabilitación deste barrio, posto en marcha polo BNG cando tiña responsabilidade no goberno da Xunta, contemplaba o alugueiro dos inmobles propiedade de Xunta como sistema que permitise orientar o uso e ocupación destes locais e evitar, así, que negocios pouco compatibles coa vida no barrio volvesen a proliferar na zona.