Rubén Arroxo presenta o novo bus híbrido que entrará a formar parte do servizo de transporte urbano

O vehículo híbrido cubrirá a liña 6, e conta coas últimas axudas á condución e avances en seguridade

Nos vindeiros días comezará a instalación do SAE, que permitirá avanzar na implantación das novas liñas

Rubén Arroxo presenta o novo bus híbrido que entrará a formar parte do servizo de transporte urbano

Lugo, 29 de xaneiro de 2020. O Tenente de Alcalde, e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, presentou no día de hoxe o novo Mercedes Benz híbrido co que conta o concello, que realizará a liña 6.”Dentro do proceso de renovación do transporte público que estamos a levar dende a área de Mobilidade e Infraestruturas inclúese a renovación dos vehículos”, indicou Rubén Arroxo, que engadiu, “queremos que a xente aposte polo bus urbano porque reducindo tráfico na cidade avanzamos nunha cidade sostible cunha mobilidade alternativa e ecolóxica”.

O novo sistema híbrido xera enerxía eléctrica a partir das freadas e reducións de velocidade, que se almacenan nunha batería instalada no vehículo. Este sistema permite reducir o consumo nun 8.5% menos de combustíbel que o resto de vehículos da flota, polo que emiten menos substancias contaminantes, situándose as emisións nun 75.3% de NOx e un 85.3% de partículas por debaixo dos niveis marcados pola normativa Euro VI.

Ademais, segundo explicou o edil nacionalista, “incorpora os últimos avances en seguridade”. En concreto, este bus incorpora un posto de condución redeseñado, que permite máis comodidade para as condutoras. Ademais, incorporan un etilómetro, que impedirá o acendido do vehículo sen pasar a proba. Este novo vehículo incorpora o arco de seguridade frontal máis avanzado do mercado, que garante a protección das persoas usuarias en caso de colisión frontal. Ademais, dispón de luces de xiro e chan antideslizante. Por outra banda, cumpre coa normativa antiviolcado 66.02, malia non ser obrigatoria para este tipo de vehículos.

En canto á accesibilidade, os dous novos vehículos incorporan un renovado sistema Kneeling, que permite baixar a altura do autobús para facilitar a subida das usuarias. Ademais, conta con dobre rampla para persoas con mobilidade reducida e unha praza para cadeira de rodas. Á conexión Wi-Fi que xa incorporaba toda a flota engádense portos USB para a carga de dispositivos electrónicos.

O novo bus híbrido ten un total de 77 prazas, divididas en 28 asentos, 48 persoas de pé e unha praza para persoas con mobilidade reducida.

Novas liñas e SAE

Rubén Arroxo informou de que nos vindeiros días comezará a instalación do SAE, “que permitirá introducir as novas liñas e habilitar as aplicacións para as usuarias e usuarios, ademais de activar os paneis electrónicos informativo”. Ademais, Arroxo indicou que “nos vindeiros días haberá unha nova Mesa de Transporte, onde se poñerán en común as novas liñas co resto da Corporación”, e engadiu “no deseño destas liñas tivéronse en conta as suxestións da veciñanza e da corporación municipal”

Rubén Arroxo presenta o novo bus híbrido que entrará a formar parte do servizo de transporte urbano