MAITE FERREIRO PRESENTOU HOXE A 25 GRUPOS LOCAIS QUE TOCARÁN NA GRAN FESTA DO OUTONO GALEGO

O San Froilán 2019 contará con 50 grupos e artistas de Lugo

Maite Ferreiro destacou a variedade de estilos presentes nas festas

O San Froilán 2019 contará con 50 grupos e artistas de Lugo

Lugo, 18 de setembro de 2019. A Concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentou no día de hoxe a 25 grupos de Lugo que, segundo indicou, “serán protagonistas nesta edición da gran festa do outono galego”. Ferreiro indicou que tocarán “nos grandes escenarios e tamén noutros emprazamentos, como praza da Soidade ou Campo Castelo. Maite Ferreiro destacou a “variedade de estilos para que estas sexan as festas de todas e todos os lucenses”.

 

A música tradicional está presente nos grupos presentados hoxe, con Batital, Iria Estévez Atlántica e Laura Lamontagne como embaixadoras, mentres que o rock é sen dúbida o xénero preferido polas bandas locais, que representan nesta gran festa do outono galego Bello e Bedu, Berta Franklin, Filophóbicas, Forget la France, Infrarroja, Ship of Fools e Trinitá.

 

Arrythmia e Kalte Sonne representarán o metal, mentrers que Swing Jazz Lugo e The Old Project mostrarán o mellor jazz e o swing local, mentres que Los Zorros encargaranse de garantir a presenza do blues. Funkombo e Muddy Dolls levarán aos escenarios ao funk local, e a música electrónica contará co Electronic Lucus Fest como representante.

 

Outros grupos que terán espazo neste San Froilán son Carta de Ajuste, que renderán tributo á música dos 70 e 80. Mr Hattaway actuará coa súa homenaxe a Amy Winehouse e Wireless renderá tributo a Bob Marley. Untides mostraranos a música underground lucense, e a música acústica con arranxos electrónicos de Sigilu terá o seu espazo.

 

 

Xunto a todos eles estarán os Mustélidos, un dúo de voz e guitarra que crean un estilo propio con ingredientes de diversos estilos e épocas, que compartirán espazo no programa das festas co DJ Roberto Tempo e con El Último Burro, grupo que rende tributo ás cancións dos Rápidos, os Burros e “el último de la fila”.