MAITE FERREIRO AGRADECEU Á VECIÑANZA O APOIO DEMOSTRADO AO SECTOR CULTURAL

Varias actividades do San Froilán esgotan as entradas no primeiro día

O acceso aos recintos rematará 15 minutos antes da hora de comezo

Varias actividades do San Froilán esgotan as entradas no primeiro día

Lugo, 02 de outubro de 2020. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou que os dous concertos de Boyanka Kostova, De Vacas e Verto, xunto con La Penúltima e o espectáculo do San Froilán Miúdo de María Fumaça esgotaron as entradas no primeiro día desde a súa posta á venta, mentres que múltiples actividades teñen un gran número de reservas. “Desde a área de Cultura queremos agradecer ás veciñas e veciños o apoio que amosaron nestas primeiras horas a todo o sector cultural e ao esforzo que estamos a realizar para achegar a cultura de maneira segura”.

Ferreiro lembrou que as entradas poden adquirirse de xeito telemático desde o portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, e lembrou que mentres duren as actividades deberá ocuparse sempre a mesma cadeira e no caso de abandonar o recinto, non se poderá volver acceder, quedando a cadeira baleira.

“O acceso aos recintos deberá producirse, como moi tarde, 15 minutos antes da hora de inicio da actividade”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “malia que se completarán os sitios baleiros que poidan quedar antes do inicio dos concertos coas persoas sen entrada que se acheguen aos recintos, animamos a retirar entrada previamente para garantir a dispoñibilidade do asento e evitar masificacións á porta dos distintos recintos”.

Varias actividades do San Froilán esgotan as entradas no primeiro día