A Xunta de Goberno iniciará mañá a licitación da Rotonda de San Eufrasio

Rubén Arroxo na localización da futura glorieta de San Eufrasio
Rubén Arroxo na localización da futura glorieta de San Eufrasio

Arroxo: “tratamos de iniciar o procedemento de contratación o máis rápido posíbel para poñer fin a un dos puntos negros da cidade”

O Tenente de Alcalde informou da publicación na Plataforma de Contratación do Estado da actuación de mellora da seguridade viaria no polígono das Gándaras

A Xunta de Goberno iniciará mañá a licitación da Rotonda de San Eufrasio

Lugo, 23 de novembro de 2020. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo anunciou que a Xunta de Goberno de mañá aprobará iniciar o procedemento de licitación da rotonda de San Eufrasio. “Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas tratamos, unha vez a Xunta nos notificou a cesión do terreo, de iniciar o procedemento de contratación o máis rápido posible”, explicou Rubén Arroxo, que lembrou que “esta actuación permitirá mellorar o funcionamento da intersección e aumentar a seguridade vial, eliminando un punto negro da cidade”.

Durante a redacción do proxecto de obra realizáronse estudos para comparar a situación actual e a alternativa da rotonda, medindo tempos de viaxe, tempos de demora, cola media de vehículos, número de paradas e tempo total de cada parada, tendo en conta os momentos de maior fluidez de tráfico. Nas conclusións calculouse que a lonxitude da cola media de vehículos e os tempos de parada teñen unha diminución case total, o que produce diminucións significativas nos tempos de viaxe e demora, e no número de paradas dos vehículos.

A rotonda eliminará tamén os distintos xiros á esquerda que se teñen que realizar actualmente segundo o itinerario a seguir, e aumentará a distancia de visibilidade, que actualmente é inferior á distancia de cruce, o que en conxunto mellorará a seguridade viaria da contorna. A actuación sae a contratación por un orzamento máximo de 153.031,59€.

Polígono das Gándaras

Rubén Arroxo anunciou tamén que vén de publicarse na Plataforma de Contratación do Estado a licitación da mellora da seguridade viaria no polígono das Gándaras, correspondentes á ampliación da rúa D.

A actuación sae a contratación mediante un Procedemento Aberto Simplificado, cun orzamento de 104.559,46€ e un prazo de realización unha vez contratada de un mes. As distintas empresas terán de prazo ata o 14 de decembro para presentar ofertas de cara á realización desta actuación.

“Os 11 metros de mediana que hai actualmente reduciranse a 5, e aumentarase cada sentido de circulación cun novo carril de 3 metros de ancho”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “isto permitirá mellorar a fluidez do tráfico e aumentar a maniobrabilidade dos vehículos industriais, o que producirá un aumento da seguridade vial na contorna”.

A Xunta de Goberno iniciará mañá a licitación da Rotonda de San Eufrasio