MAITE FERREIRO E CHECHÉ REAL PRESENTARON O CONCURSO NA COCIÑA DO MUSEO PROVINCIAL

O XV Concurso de Tapas de Lugo celebrarase entre o 6 e o 22 de setembro

Os consumidores participarán no sorteo de distintos premios

O XV Concurso de Tapas de Lugo celebrarase entre o 6 e o 22 de setembro

Lugo, 20 de agosto de 2019. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, presentaron hoxe na cociña do Museo Provincial a XV edición do Concurso de Tapas de Lugo, que este ano se celebrará entre o 6 e o 22 de setembro.

 

Maite Ferreiro puxo en valor a importancia deste concurso para a cidade e para o turismo, así como para a hostalería local, e agradeceu aos establecementos participantes “o seu esforzo en buscar cada ano novos traballos con produtos locais”. Cheché Real falou do “agradecemento ao Concello polo apoio a este concurso”, e anunciou que “por terceiro ano consecutivo a final celebrarase en setembro, na fin de semana do 27, 28 e 29”.

 

As tapas estarán dispoñibles para o público como mínimo de 13:00 a 15:30 horas e de 20:00 a 22:30 horas. Os votos contabilizaranse mediante o cupón de votación, que terá que ir selado polo establecemento e cuberto cos datos da persoa consumidora. A valoración farase do 1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5 a máis alta. Todos os cupóns entrarán no sorteo de distintos premios.

 

Por outra banda, as consumidoras que o desexen poderán pedir no establecemento no que consuman a tapa o folleto-pasaporte, co que entrarán no sorteo dunha viaxe dunha fin de semana a unha cidade europea para dúas persoas se visitan un mínimo de 23 establecementos, e unha viaxe dunha semana para dúas persoas se visitan os 47 establecementos participantes no concurso. O Xurado Popular elixirá o establecemento gañador, e un Xurado Técnico, os tres primeiros premios, así como o maridaxe con Estrella Galicia e Ribeira Sacra.

 

Establecementos participantes

 

Os 47 locais que participan neste concurso son:  3 Pés, A Adega, Abrente, A Cantina de San Pedro, Anda, Antas, A Laxa, A Rotonda, As Landras, Arrocería Os Cachivaches, Bulló Xantar, Campos, Canela Bakery Coffee, Casa d´Auga, Casa María, Casa Paco, Cook, Curruncho A Nosa Terra, Eduri, El Boni Parrillada, El Consulado, El Riba, España, La Cosechera, La Cosechera Gallery, Las Cinco Vigas, Legends Café, Manuel Manuel, Medievo, Mesón Colón, Mesón de Alberto, Mesón El Castillo, Mesón Pulpería O Castelo, Millenivm, Mom&Beer Cocktail, Monterrey, O Castor, O Cincuenta e Seis, O Figón, O Mercado Street Food, Vermutería O Miño Therapy, Paprica, Parada 33, Parrillada Fonsagrada, Taberna Daniel, Tía Julia, Tosar.