A área de Cultura retoma a programación cultural co ciclo Tarde e Tardiña

Maite Ferreiro presentando o cartaz

Maite Ferreiro: “trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital nas tardes dos mércores”

Tarde e Tardiña achegará cada semana un espectáculo para público familiar con dous pases e un para adultos

A área de Cultura retoma a programación cultural co ciclo Tarde e Tardiña

Lugo, 19 de xuño de 2020. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o ciclo de espectáculos Tarde e Tardiña co que a área de Cultura pretende comezar a retomar a programación habitual tras a emerxencia sanitaria. Segundo declarou Maite Ferreiro, “trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos mércores”. A edil de Cultura informou que “cada mércores terá lugar un espectáculo para público familiar, con dous pases ás 17 e ás 18:30 horas, e un pase para público adulto ás 21 horas”.

Maite Ferreiro afirmou que “desde a área de Cultura seguiranse todas as indicacións de control de aforo e seguridade indicadas polas autoridades sanitarias”. As actividades serán gratuítas, mais debido ao control de aforo será necesario retirar entrada desde o portal entadaslugo.es.

Tarde e Tardiña comezará o mércores 24 de xuño co espectáculo musical Soñando Inventei de María Faltri e Jorge Juncal para público infantil a partir de 3 anos con dous pases ás 17 e ás 18:30 horas, e o espectáculo de narración horal Contaba Morrer, de Lois Pérez para público adulto.

Para o 1 de xullo, a tarde estará ocupada polo Rock&Roll da Gramola Gominola, mentres que o público adulto poderá desfrutar á tardiña de Normalidade Vintage, de Esther F. Carrodeguas e Juanma Lodo.

O 8 de xullo contacánticos traerá pola tarde o seu espectáculo Trotasongs, mentres que á tardiña, Tamara de Andrés, Carlos da Aira e Daniel Irimia traerán o seu espectáculo de poesía Pozomouro. O bosque. Unha guerra.

Na tarde do 15 de xullo, Uxía Lambona e a Banda Molona recollerá os clásicos populares galegos dándolles o seu toque particular, mentres que á tardiña, O’Leo de Matamá traerá Sé [mente de vencer].

De cara ao 22 de xullo, á tarde contarase coa narración oral e música Ovella Engracia, e á tardiña Yolanda Castaño e Isaac Garabatos traerán o seu espectáculo de música e poesía en directo Idioma da Tinta.

Tarde e Tardiña rematará o 29 de xullo con Crunch, da compañía Muu para público familiar e II Centenario Ronseltz, do Colectivo Ronseltz para público adulto.

Maite Ferreiro animou á veciñanza a “acudir a esta serie de espectáculos cos que reactivamos a programación cultural habitual do concello”.

A área de Cultura retoma a programación cultural co ciclo Tarde e Tardiña