RUBÉN ARROXO EXPLICOU QUE “O NORMAL É AGARDAR POLAS CONCLUSIÓNS QUE SE SAQUEN NA MESA SOBRE A TINERÍA QUE ESTÁ CONVOCADA PARA NOVEMBRO”

O BNG-AA pedirá no pleno do concello a paralización da venda dos inmobles que a Xunta ten na Tinería

“O PP de Lugo ten que desautorizar a Balseiro por tomar este tipo de decisión de xeito unipersoal” dixo Rubén Arroxo.

O BNG-AA pedirá no pleno do concello a paralización da venda dos inmobles que a Xunta ten na Tinería

Lugo, 17 de outubro de 2017. O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou levará unha iniciativa ao vindeiro Pleno da Corporación Municipal para solicitar a paralización da venda dos  inmobles que son propiedade da Xunta no barrio da Tinería, ata ter constituída a mesa na que se falará sobre o barrio e que está convocada para o día 13 de novembro. Arroxo afirmou “buscamos un posicionamento unánime de todos os grupos políticos por que entendemos que é o mellor para Lugo e o concello ten que ter unha opinión clara sobre cuestións que afectan directamente á cidade”. “O PP de Lugo ten que desautorizar a Balseiro por tomar este tipo de decisión de xeito unipersoal e sen contar co seu grupo no Concello de Lugo nin coas asociacións veciñais e empresariais do barrio” dixo Rubén Arroxo.

Rubén Arroxo sinalou que “co alleamento destes inmobles o goberno do PP será responsable dunha importante perda de patrimonio público que pasará a mans privadas moi por debaixo da inversión que se leva realizado para a súa rehabilitación”. O proxecto de rehabilitación deste barrio, posto en marcha polo BNG cando tiña responsabilidade no goberno da Xunta, contemplaba o alugueiro dos inmobles propiedade de Xunta como sistema que permitise orientar o uso e ocupación destes locais e evitar, así, que negocios pouco compatibles coa vida no barrio volvesen a proliferar na zona.

Arroxo propuxo que a Xunta de Galiza manteña a propiedade dos inmobles da Tinería e que se desenvolva un plan para a dinamización destes inmobles de xeito que se promova a vida no barrio a través da implantación de negocios e servizos ligados á promoción turística e encamiñados a xerar unha rehabitación sustentable do barrio. Ademais, dende o BNG-AA, deféndese que se manteña o sistema de alugueiro para orientar o uso e ocupación dos locais, xuntamente con un plan de conservación e posta en valor dos inmobles e do seu contido. Rubén Arroxo explicou que “o normal é agardar polas conclusións que se saquen na mesa sobre a Tinería que está convocada para novembro”.

O BNG-AA pedirá no pleno do concello a paralización da venda dos inmobles que a Xunta ten na Tinería