O BNG-AA pedirá que non se den axudas públicas aos festexos nos que se denigre a imaxe da muller

O BNG-AA pedirá que non se den axudas públicas aos festexos nos que se denigre a imaxe da muller

Maite“Vemos como a alcaldesa incumpre o acordo do Foro de Igualdade e vai pregoar festas onde se elixen raíñas e por iso trasladaremos o asunto ao pleno” dixo Maite Ferreiro

Na iniciativa do BNG-AA pedirase tamén que outras institucións inclúan este tipo de cláusulas nas súas convocatorias de axudas

Lugo, 3 de xuño 2016. A edil do BNG – AA, Maite Ferreiro, anunciou hoxe que presentará no vindeiro pleno unha proposición para que as bases das axudas que convoca o concello de Lugo para festas parroquias e eventos culturais, deportivos e veciñais, inclúan cláusulas nas que se condicione a concesión das axudas “á non utilización da imaxe da muller como reclamo e con connotacións de tipo sexual ou á denigración da imaxe da muller”. Na proposición do BNG – AA pedirá que se traslade o acordo a outras institucións como a Deputación e a Xunta de Galiza para que se apliquen estes mesmos criterios.

Maite Ferreiro sinalou que no Foro de Igualdade do concello de Lugo celebrado o 20 de xuño de 2014 xa se tomou un acordo no que se recollía un rexeitamento aos actos sexistas nas festas eventos que se celebraran dentro do ámbito municipal.

“Parece que a propia alcaldesa descoñece os acordos dos que foi partícipe o grupo político ao que pertence, sendo concelleira de Benestar e Igualdade a mesma persoa que está hoxe neste cargo” dixo Maite Ferreiro e afirmou que “non entendemos como as concelleiras do PSOE poden continuar apoiando e promovendo este tipo de eventos, e todo isto fai un fraco favor ao proceso de creación dunha sociedade máis igualitaria”.

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro abandonaron o pregón das festas de San Antonio despois de comprobar como se continúa a utilizar a figura de Raiñas das Festas. “Non imos participar en eventos nos que se utilice á muller como reclamo” afirmou Maite Ferreiro. “Vemos como a alcaldesa, e ediles doutros grupos políticos, incumpren o acordo do Foro de Igualdade e vai pregoar festas onde se elixen raíñas e por iso trasladaremos o asunto ao pleno” dixo Maite Ferreiro.

O BNG-AA pedirá que non se den axudas públicas aos festexos nos que se denigre a imaxe da muller