SON CONTINUAS AS QUEIXAS POLOS DESTROZOS QUE SE PRODUCEN EN PISTAS, ESTRADAS E ACCESOS

O BNG de Castroverde propón crear unha Ordenanza Municipal de Corta e Saca de Madeira

IMG_8397

O BNG xa implantou, con éxito, unha ordenanza similar no Concello de A Pastoriza e sabemos que é a solución para os problemas que se dan en Castroverde

O BNG de Castroverde propón crear unha Ordenanza Municipal de Corta e Saca de Madeira

Castroverde, 1 de marzo de 2019. O BNG propón a creación dunha Ordenanza Municipal de Corta e Saca de Madeira para dar solución aos problemas creados en numerosas pistas e estradas do concello. “Cada día recébense máis queixas e denuncias de destrozos en vías públicas pola acción da corta e saca de madeira en fincas privadas” dixo Xosé Gómez que visitou, acompañado de Iria Castro, unha das pistas afectadas.

Gómez explicou que “o BNG xa promoveu unha das primeiras ordenanzas, na provincia, deste tipo no concello da Pastoriza” e explicou “se o concello non se dota dunha ordenanza municipal pouco se pode facer para obrigar a quen fai destrozos nas pistas a que reparen os danos”. Grazas á Ordenanza proposta polo BNG os empresarios que pretendan facer corta e saca de madeiras terán que identificarse previamente a asumir os gastos derivados da reposición e amaño dos destrozos que fagan durante o proceso.

“Non pode ser que sexa o concello quen asuma os custos de arranxo das pistas que se destrozan nas sacas de madeira e que sexan os veciños das parroquias os que sufran os efectos” apuntou o voceiro do BNG e advertiu que  “na ordenanza que se redacte ten que quedar claro que a empresa madeireira será responsable directamente de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo da corta, depósito e transporte de madeira, debendo reparar o dano causado” e que “o Concello terá que velar especialmente para que as ditas operacións de corta e saca de madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden nun axeitado estado de limpeza e seguridade”.

O BNG de Castroverde propón crear unha Ordenanza Municipal de Corta e Saca de Madeira