O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DA DEPUTACIÓN O MANTEMENTO DAS ÁREAS SANITARIAS DA MARIÑA E MONFORTE

O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DA DEPUTACIÓN O MANTEMENTO DAS ÁREAS SANITARIAS DA MARIÑA E MONFORTE

Antonio Veiga alerta de que a xestión integrada suporá unha merma na calidade asistencial

O deputado provincial asegura que os modelos sanitarios do PP limitan os dereitos sanitarios dos veciños das comarcas e condénaos a acceder a unha sanidade de peor calidade

Lugo, 21 de febreiro de 2013.  O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Deputación, defenderá, no pleno do vindeiro martes, unha moción na que insta á Xunta de Galicia a manter as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as competencias e servizos que teñen na actualidade e a frear a perda de calidade asistencial que suporá a xestión integrada.

O deputado provincial Antonio Veiga alerta das consecuencias que terá esta medida que defende a consellería de Sanidade e que eliminará a área norte de saúde, que abarca a comarca da Mariña con máis de 72.000 persoas asignadas distribuídas en 14 concellos, e a área sanitaria do sur, á que corresponde o hospital de Monforte que atende ao redor de 49.000 usuarios e usuarias de 11 concellos. “Os plans do Goberno galego afectan a máis de 120.000 persoas que pasarían a ter como centro hospitalario de referencia o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), sito a máis de 90 quilómetros de distancia no caso de Burela e a pouco menos no caso de Monforte, o que atinxirá aos usuarios e usuarias que recibirán unha atención máis tardía, pero tamén aos profesionais.”

“A xerencia sanitaria integrada –insiste Antonio Veiga- é un paso máis cara o desmantelamento do sistema sanitario e cara a súa privatización. Lonxe de mellorar a atención aos pacientes, como anunciou a conselleira Rocío Mosquera, suporá unha limitación de dereitos sanitarios e reducirá a seguridade dos veciños e veciñas das comarcas da Mariña e Monforte. A atención sanitaria na provincia de Lugo retrotraerase 25 anos e os hospitais comarcais converteranse en sucursais do HULA, xa sobrecargado, e no que, con seguridade, aumentarán as listas de espera.”

Os nacionalistas advirten, tamén, de que esta fórmula dificultará a xestión en canto será necesario compartir recursos  e o persoal sanitario sufrirá traslados forzosos. “A xerencia ubicada en Lugo eliminará os investimentos nos centros de saúde e nos hospitais comarcais e impedirá a implantación de novos servizos e especialidades. Dada a escaseza de profesionais dalgunhas especialidades obrigará aos pacientes a desprazamentos constates, perdendo calidade de vida e supoñendo un maior costo ao ter que asumir os gastos de desprazamento” – sentencia o deputado provincial.

Por todos estes motivos, o Grupo Provincial do BNG espera que o PP apoie esta moción co obxectivo de evitar o deterioro da calidade asistencial da poboación das comarcas lucenses e frear o avance cara o camiño do desmantelamento da sanidade pública.

O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DA DEPUTACIÓN O MANTEMENTO DAS ÁREAS SANITARIAS DA MARIÑA E MONFORTE