O CONCELLO PASOU DE RECIBIR 81.162 EUROS NO ANO 2016 A 35.277 EUROS NO ANO 2017 E RECIBIRÁ ESTA MESMA CANTIDADE NO ANO 2018

O BNG denuncia que a Xunta recorta nun 56% os fondos para amaño de pistas en Castroverde

Fondos Castroverde

A esta merma hai que sumar a perda de ingresos do estado que sufriu Castroverde que foi de 226.000 € dende o exercicio do ano 2016

O BNG denuncia que a Xunta recorta nun 56% os fondos para amaño de pistas en Castroverde

Castroverde, 30 de xuño 2017. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, denunciou co voceiro municipal de Castroverde a redución de fondos que os concellos reciben da Xunta para o mantemento de camiños rurais. Rodil concretou que o concello de Castroverde pasou de recibir 81.162 euros no ano 2016 a 35.277 euros no ano 2017 “por que o PP decidiu quitar os fondos europeos”. A parlamentaria do BNG informou que a redución nas axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2017-2018 publicadas no DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2017, “afectan a todos os concellos do país e no caso de Castroverde reduce nun 56 % a cantidade que lle foi asignada o ano pasado”.

O voceiro do BNG en Castroverde, Xosé Gómez, asegurou que “os fondos da Xunta deste ano non chegan para asfaltar nin 3 km de pistas”.  A dotación máxima para financiar estas axudas aos concellos para o arranxo de camiños de titularidade municipal na convocatoria deste ano a 15.998.687 €, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 2017-13-A1-712A-760.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte distribución por anualidades. “Trátase dunha convocatoria con trampa” criticou Gómez “por que en realidade é unha única convocatoria para os anos 2017 e 2018 co cal as cantidades aínda queda máis mermadas”. Na convocatoria desta liña de axudas no ano 2016 había unha cantidade de 19.998.110 €, mentres que con esta convocatoria “bianual” hai unha partida de 7.999.343,50 € para o ano 2017 e outra similar para 2018.

Perda de fondos do Estado

Os nacionalistas salientaron que o concello de Castroverde tamén perdeu, dende o ano 2016, unha aportación de 226.000 € que procedía do estado. Esta rebaixa nos ingresos supón que o concello perde 83 € por habitante. “Estamos vendo como o partido popular castiga ás galegas e aos galegos recortando a financiación aos concellos e esto repercute claramente nunha merma de servizos” dixo o voceiro do BNG en Castroverde.

Eliminación dos Fondos Europeos

O Goberno do PP na Xunta eliminou a partida de FEADER que se incluía habitualmente nesta liña de axudas aos concellos. Os fondos FEADER e a aportación do Estado, a través do MAGRAMA, supuxeron no ano 2016 o 82,5 % do finanzamento deste programa mentres que a Xunta aportaba un 17,5 %. Para os anos 2017 e 2018 o goberno de Núñez Feijoo decidiu eliminar as partidas económicas procedentes do Estado e de Europa para que a Xunta de Galiza asuma en solitario a finanzamento. Para o BNG “trátase dunha nefasta decisión do partido popular que está castigando a todos os concellos galegos pola súa incapacidade á hora de xestionar os fondos que Galiza recibe doutras instancias”.

O BNG denuncia que a Xunta recorta nun 56% os fondos para amaño de pistas en Castroverde