PARA O BNG “É NECESARIO ADAPTAR ESTA ORDENANZA Á NOVA LEI GALEGA DE BENESTAR ANIMAL E ÁS DEMANDAS DA VECIÑANZA, CONTANDO COAS PROPOSTAS DE COLECTIVOS IMPLICADOS”

O BNG pedirá no pleno a actualización da Ordenanza Municipal de Protección Animal

IMG_20160919_185043
Foto de arquivo BNG da presenza en Lugo dun circo con animais.

“A actual ordenanza aínda recolle como excepción ao maltrato animal as corridas de touros e os campionato de tiro ao pombiño” sinalou Maite Ferreiro

O BNG pedirá no pleno a actualización da Ordenanza Municipal de Protección Animal

Lugo, 24 de agosto 2017. A edil, Maite Ferreiro, anunciou que o BNG levará ao vindeiro pleno do concello de Lugo unha iniciativa para instar ao Goberno Municipal a impulsar a actualización da Ordenanza municipal específica de protección animal. Ferreiro sinalou que “para a actualización desta norma haberá que ter en conta o que será o novo marco normativo e a participación de colectivos, institucións e entidades ademais dos grupos políticos”. Dende o BNG tamén se propón que se recollan os acordos plenarios tomados pola corporación nesta materia.

Maite Ferreiro sinalou que no concello de Lugo redactouse, no ano 2008, unha Ordenanza de Protección e Tenza de Animais (publicada no BOP do 17 de novembro de 2008). “Esta ordenanza quedou obsoleta nalgúns aspectos e a día de hoxe é aconsellable a súa revisión” apuntou Ferreiro e indicou que “non hai que esquecer que o Parlamento Galego está a elaborar unha Lei de Benestar Animal e a súa próxima aprobación abre a necesidade de que o Concello de Lugo desenvolva a actualización da Ordenanza de Protección Animal adaptada non só aos tempos e ás reivindicacións que emanan da veciñanza, senón loxicamente entroncada no marco normativo que se achega”.

A edil do BNG lembrou que “no concello de Lugo téñense vivido determinados episodios lamentables como a presenza de Circos con Animais a pesar de que un acordo plenario, iniciativa do BNG e aprobado pola corporación,  que determinaba que Lugo sería un concello libre de circos con animais”. Ademais son continuos os problemas derivados da presenza de animais sen control, por exemplo cabalos, en puntos da cidade. O concello de Lugo carece dun protocolo de atención efectivo para estes casos de animais abandonados, extraviados ou sen dono coñecido.

Corridas de touros e tiro ao pombiño

A actual ordenanza recolle exencións da presenza e utilización de animais en determinados espectáculos que, “entendemos, deberán ser revisadas xa que entran en contradición coa vontade expresada no salón de plenos deste concello pola maioría dos grupos” dixo Maite Ferreiro. Como exemplo está a iniciativa aprobada e presentada polo grupo socialista na que se declaraba a Lugo como concello contrario á celebración de festexos taurinos, mentres que no apartado i) do artigo 5) quedan eximidos de sanción ou prohibición, por parte do concello, este tipo de espectáculos de tortura animal. O BNG presentou, tamén, unha proposición para a redacción dunha ordenanza na que se regularan os espectáculos con animais neste concello de Lugo e que fora aprobada por unanimidade no pleno do mes de marzo de 2016 “pero nada se fixo neste senso” concluíu Ferreiro.

 

O BNG pedirá no pleno a actualización da Ordenanza Municipal de Protección Animal