OS TRES GRUPOS POLÍTICOS DERON LECTURA AO UN TEXTO ANTES DE ABANDONAR O SALÓN DE SESIÓNS

Concelleiros e concelleiras de ACE-EU, Lugonovo e BNG abandonan o pleno

ACE, BNG e Lugonovo auséntanse do Plen para amosar o seu rexeitamento á exención do IBI á Xunta

Representantes das tres formacións manifestaron a súa disconformidade co xeito, acordado por PP e PSOE, para facer que os lucenses paguen a dotación do auditorio

Concelleiros e concelleiras de ACE-EU, Lugonovo e BNG abandonan o pleno

Os grupos de ACE, BNG e Lugonovo acordamos manter unha posición conxunta dos 3 grupos, a respecto desta proposta que se trae a pleno para crear unha exención de 600.000€ anuais no IBI a diferentes edificios propiedade da Xunta. Presentamos esta posición conxunta dado que mantemos a nosa firme oposición a este acordo cociñado por PP e PSOE, que provoca unha situación moi desfavorable para o noso concello e resulta unha estafa para as veciñas e veciños de Lugo. Como concelleiras e concelleiros de Lugo é a nosa responsabilidade e defender o interese xeral do noso municipio, algo que dende logo non se dá con este acordo.

A alcaldesa de Lugo e o presidente da Xunta mantiveron negociacións escuras que suporán un custo de 3.600.000€ para as arcas municipais. As negociacións fixéronse de costas a estes tres grupos da corporación, chegando incluso anunciar en rolda de prensa o convenio xa pechado antes de se ter reunido a comisión de ordenanzas. Este convenio asinado por representantes do PP e PSOE vai hipotecar o concello de Lugo nos vindeiros 6 anos, perdendo cada ano 600.000€ de ingresos. Isto afectará de forma directa ao capítulo de inversión, impedindo a realización de proxectos e accións moi necesarias para Lugo.

Este acordo entre PP e PSOE demostra, unha vez máis, a falta de coherencia e credibilidade do goberno municipal. Foi o PSOE, con intervención da propia alcaldesa, quen rexeitou a iniciativa que se trouxo a este pleno para afrontar os custos desta dotación entre Concello, Deputación e Xunta e agora vai ser o concello quen asuma o custo en solitario.

Falamos dun convenio sobre o que gravitan importantes dúbidas técnicas en relación a legalidade da súa aplicación, dado que as consideracións que podemos observar no propio informe de intervención non xustifican que se motive esta actuación. Estamos a tratar unha ordenanza, que a diferenza das outras, está acoutada no tempo, cuestión que vai provocar que a vindeira corporación teña que asumir unha débeda contraída pola corporación actual, e que durará a totalidade do vindeiro mandato, afectando á xestión política orzamentaria do concello de Lugo para futuros orzamentos.

Con este convenio o concello de Lugo paga a dotación do auditorio e perde totalmente o control sobre a licitación dos contratos e a supervisión da súa execución. Sra. Lara Méndez, entregoulle vostede ao PP as chaves dunha obra que pagamos as lucenses. O PP controlará, a partir de agora, os tempos das obras e o seu contido, o momento da inauguración e o momento da apertura desta instalación pola que levamos décadas agardando.

Neste momento abandonamos o pleno por que non imos ser cómplices deste agravio á veciñanza que representamos, polo que quedades novamente PP e PSOE cos vosos pactos na sombra, pactos que a experiencia destes anos amosa que sempre acaban prexudicando a Lugo. E pedimos finalmente que conste en acta o noso voto como NON EMITIDO.

Concelleiros e concelleiras de ACE-EU, Lugonovo e BNG abandonan o pleno