O Concello avanza para efectivizar o desdobramento da avenida Infanta Elena

O servizo de Enxeñaría emitiu un informe positivo ao respecto do proxecto, que permitirá avanzar nas expropiacións dos terreos

Alexandre Penas: “é un proxecto necesario para mellorar a conexión entre o centro da cidade e os polígonos industriais e a saída cara a A-6”

O Concello avanza para efectivizar o desdobramento da avenida Infanta Elena

Lugo, 21 de xaneiro de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou que o servizo de enxeñaría vén de emitir un informe que permite continuar avanzando no desdobramento da Avenida Infanta Elena, “un proxecto necesario para mellorar a conexión do centro da cidade e a saída cara a A-6”, segundo indicou Alexandre Penas, que visitou os terreos acompañado do Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, e técnicos da área de Infraestruturas.

Segundo indicou Alexandre Penas, “este informe permitirá avanzar na xestión das expropiacións dos terreos necesarios no treito entre a rolda Norte e Paulo Flavio Máximo”. O informe emitido por Enxeñaría é un paso necesario para que os expedientes de expropiación dos terreos necesarios para o desdobramento poidan continuar o seu curso.

“Buscamos así mellorar as condicións dunha rúa que a diario utilizan centos de vehículos e peóns”, indicou Alexandre Penas, que engadiu “crearanse beirarrúas amplas en ambas marxes e carrís bici de dobre sentido, ademais, iluminarase a zona con lámpadas LED”.

Alexandre Penas lembrou que existe un convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Lugo para o financiamento desta intervención. O proceso fóra iniciado pola Alcaldesa e o Presidente da Deputación no ano 2016.

O Concello avanza para efectivizar o desdobramento da avenida Infanta Elena