Máis de medio cento de artistas participarán na Cabalgata de Reis que organiza a área de Cultura baixo o nome “A viaxe dun soño”

Cabalgata (3)

Os magos, 4 carrozas e 8 vehículos históricos sairán do parque da milagrosa ás 18 horas

Maite Ferreiro: “a cabalgata este ano estará chea de espectáculos e música e ilusión, e repartiranse máis de 4000 quilos de caramelos”

Máis de medio cento de artistas participarán na Cabalgata de Reis que organiza a área de Cultura baixo o nome “A viaxe dun soño”

Lugo, 03 de xaneiro de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou o parque de bombeiros, onde están situadas as carrozas que o vindeiro domingo formarán parte da cabalgata de reis que a área de Cultura titulou “A viaxe dun soño”. “Organizamos esta cabalgata, na que participarán 53 artistas, xunto con 24 persoas voluntarias, nenos e nenas” indicou Maite Ferreiro, que engadiu “un total de 8 espectáculos terán lugar durante o percorrido”.

A cabalgata sairá ás 18 horas do parque da Milagrosa. Continuará pola rúa Monte Faro e a avenida da Coruña ata a Porta de San Fernando, onde entrará ao recinto amurallado para continuar pola praza de Ferrol e a rúa Bolaño Ribadeneira ata Quiroga Ballesteros. O percorrido continuará pola praza de Santo Domingo e a rúa da Raíña ata chegar á praza Maior ás 19:30.

Somos Unidas contra o Cancro formará parte cunha das carrozas, da cabalgata, que durante todo o percorrido contará coa escolta de 16 axentes da policía local, xunto con 14 efectivos de Protección Civil, unha dotación de bombeiros cunha autobomba e persoal sanitario da Cruz Vermella.

A cabalgata contará con varios espectáculos precedendo ás carrozas. A Danza das estrelas, un baile de luz e de cor será a encargada de guiar á cabalgata no seu percorrido. A Bola Máxica é un espectáculo de acrobacias e circo futurista arredor dunha gran bola máxica. As Cartas reais son un espectáculo de cartas danzarinas encargadas de transmitir aos reis os desexos e ilusións dos nenos e nenas, que irán acompañadas das Carteiras de Xeo. Uns divertidos vehículos, os Velocípedes, farán as ledicias de todos os presentes mentres que o reino dos paxaros achegarase a esta cabalgata voando e penicando nas cabezas de todas as crianzas coa danza do Reino dos Paxaros. Uns triciclos Pierrots e agasallos xogarán e interactuarán coa xente, mentres que 6 pompeiras e un zancudo desfilarán enchendo de burbullas a atmosfera ao seu redor. Por último, 6 medusas luminescentes chegan á cabalgata de Lugo desde as profundidades do mar. Durante o percorrido, os heraldos serán os encargados de repartir os caramelos entre as persoas presentes.

Máis de medio cento de artistas participarán na Cabalgata de Reis que organiza a área de Cultura baixo o nome “A viaxe dun soño”