Imprimir

“Non ten sentido facer unha rotonda na ronda da Muralla se non se acomete a eliminación de semáforos” dixo Arroxo

bnglugocentro | 08 de Outubro de 2018

Despois da implantación da velocidade a 30 km/h na ronda da Muralla o BNG propuxo a eliminación de semáforos para dar maior fluidez ao tráfico

Lugo, 5 de outubro de 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo saíu ao paso do anuncio feito polo goberno municipal en relación á posibilidade de crear unha rotonda no enlace da av. da Coruña coa ronda da Muralla e dixo “non ten sentido facer unha rotonda na ronda da Muralla se non se acomete a eliminación de semáforos”. O voceiro do BNG “aposta polo calmado do tráfico e por liberar o entorno da muralla do tráfico motorizado” e engadiu “nós temos un modelo claro de cidade e un exemplo de cómo hai que facelo en Pontevedra”

Rubén Arroxo foi contundente e dixo “a simulación que se contrata é fiel reflexo do que é este goberno, unha simulación” e referiuse á “falta de proxecto de cidade e de determinación política para concretar proxectos serios para cidade”. Para o BNG “gastar 17.545 € nunha simulación é un despilfarro que non serve para nada, sen tomar en serio a mobilidade da cidade”. Rubén Arroxo sinalou que “sempre apostamos por eliminar o tráfico a motor da ronda da Muralla e para iso fai falta camiñar cara un proxecto global, todas as medidas que se tomaron ata agora son parches inconexos que unicamente serven para incomodar a automobilistas sen un resultado real satisfactorio para ninguén”.

Rubén Arroxo lembrou que foi o BNG quen propuxo unha serie de medidas entre as que estaba a creación desta rotonda e explicou “entendemos que as medidas teñen que tomarse en conxunto para que sexan eficaces”. Arroxo pediu, no seu momento, que se aproveitase a redución de velocidade a 30 km/h para buscar “outro modelo de circulación arredor da muralla mentres non se peonalizara completamente”. As propostas do BNG van encamiñadas a conseguir que se poida dar unha volta á ronda da muralla a unha velocidade moderada pero, case sen facer paradas.

Arroxo dixo que “coa velocidade reducida a 30 km/h hai que implantar medidas de calmado do tráfico na zona de cruces como, por exemplo, o de Nícomedes Pastor Díaz ou o Camiño Real” e explicou que “utilizando, nas inmediacións dos cruces, pasos de peóns elevados na Ronda xa sería posible regular a incorporación de vehículos á ronda con sinais de STOP”. O voceiro nacionalista lembrou que “xa exiten cruces que funcionan perfectamente con este sistema como é o caso de Poeta Noriega Varela”.

Tamén se podería estudar a creación dalgunha rotonda disuasoria para clamar o tráfico e garantir a fluidez como as que funcionan na av. de Madrid. Rubén Arroxo tamén se referiu a que “na rúa Anxel López Pérez, que forma parte do circuito da ronda da Muralla, xa existe un paso de peóns, non regulado por semáforos, que calma o tráfico garantindo a fluidez”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/non-ten-sentido-facer-rotonda-ronda-da-muralla-non-acomete-eliminacion-semaforos-dixo-arroxo/20181008101715006845.html


© 2018 Comarca de Lugo Centro

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal