Olalla Rodil: “Os concellos galegos reciben 50 euros menos por habitante que a media do Estado”

DSC_1955[1]
Olalla Rodil e parte das concelleiras de Lugo diante da delegación de Facenda

O BNG defenderá no Congreso un financiamento local adecuado á realidade demográfica e territorial, que garanta a prestación de servizos públicos

Olalla Rodil: “Os concellos galegos reciben 50 euros menos por habitante que a media do Estado”

Lugo, 4 de novembro. O Bloque Nacionalista Galego expuxo esta mañá as iniciativas que defenderá no Congreso dos Deputados para a reforma do actual marco de financiamento local, que supón un “agravio para os municipios galegos”.

Segundo expuxo a candidata nacionalista, Olalla Rodil, “os concellos galegos reciben 50 euros menos que a media do Estado, a pesar de que a realidade demográfica e territorial esixe un maior investimento público”.

En termos per cápita, cada concello galego recibe 209 € por habitante fronte aos 259 € de media estatal. A situación agudízase no caso das sete grandes cidades. A modo de exemplo, Málaga recibe o mesmo financiamento do Estado, 230 millóns de euros, que as sete grandes cidades galegas xuntas, que suman 232,6 millóns de euros, pese a que case a duplican en poboación.

Os nosos concellos padecen unha insuficiencia financeira estrutural e grandes dificultades para atender os servizos públicos. A isto engádense as limitacións do endebedamento e restricións do défice público marcadas na Constitución e na Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, que impuxo o aforro e a redución do gasto público como criterios no funcionamento dos concellos para favorecer a iniciativa privada”, criticou a candidata nacionalista.

Contra diso, Rodil expuxo que o BNG “reclamará que Galiza teña competencia na distribución entre os concellos galegos para rematar coa actual discriminación, e se incorporen criterios propios para o reparto como o avellentamento, a dispersión poboacional e o reequilibrio territorial”.

Axencia tributaria galega

Fronte á sede de Facenda en Lugo, canda concelleiras e concelleiros do BNG no concello, Olalla Rodil apuntou tamén a formación nacionalista reclamará para Galiza unha Axencia tributaria galega e un novo modelo de financiamento baseado no concerto económico e a bilateralidade co Estado.

Trátase de que a Galiza recade todos os impostos e teña capacidade para decidir como os inviste, na perspectiva de poder desenvolver políticas sociais, de desenvolvemento económico autocentrado e de blindaxe de servizos públicos universais e de calidade”, expuxo Rodil.

Os distintos gobernos españois elevaron a recadación incidindo nos impostos indirectos favorecer o gran capital e limitar o control das grandes fortunas, e adicar a recadación ao saneamento da banca mentras a poboación sufriu as consecuencias do deterioramentos dos servizos públicos”, criticou a candidata nacionalista.

Olalla Rodil: “Os concellos galegos reciben 50 euros menos por habitante que a media do Estado”