Imprimir

Olalla Rodil pediu o voto en Monforte para “reclamar no Congreso un servizo ferroviario do século XXI”

bnglugocentro | 06 de novembro de 2019

Olalla Rodil e Emilio Sánchez fronte a estación de tren en Monforte.
Olalla Rodil e Emilio Sánchez fronte a estación de tren en Monforte.

A nacionalista reclamou unhas infraestructuras dignas para o noso país, cun ferrocarril que unhas principais vilas e cidades.

Lugo, 5 de novembro.  A candidata do BNG ao Congreso, Olalla Rodil, pediu o voto en Monforte para “facer valer” a cidade e a comarca no Congreso.

 Nun mitin celebrado no Centro Cívico, a parlamentaria nacionalista explicou que “Monforte é un expoñente claro do desprezo das forzas estatais cara a Galiza”.

“Prometeron converter Monforte no nó loxístico do corredor atlántico pero o único que temos ata agora é un solar de formigón no Porto Seco. Despois de anos de anuncios, a vía do tren segue sen electrificar. Seguimos cunha  liña ferroviaria do século XIX, que lastra o desenvolvemento económico e social da comarca e da provincia”.

“Nin esta cuestión nin ningunha outra das que teñen que ver cos intereses das galegas e dos galegos forman parte da axenda política do Estado. Vímolo claramante no debate televisivo  da noite pasada”, engadiu a candidata nacionalista.

“O 10 de novembro non só decidimos quen goberna no Estado, decidimos quen representa os intereses da provincia de Lugo e de Galiza no Congreso dos Deputados. E sabemos, pola experiencia das últimas lexislaturas, que as forzas estatais están a outra cousa en Madrid. A única papeleta que serve para que Galiza teña voz propia no Congreso é a do BNG”, concluíu Rodil.

“Monforte e o sul de Lugo non son alleos aos problemas que sacoden Galiza pero temos as nosa contas pendentes co Estado como unha nova ponte sobre o río, o terceiro tramo da circunvalación ou a eliminación dos pasos a nivel,  que levamos anos reclamando”,  engadiu o durante a súa intervención o concelleiro nacionalista en Monforte Emilio Sánchez.

 “Se queremos que todo iso cristalice é imprencisdible ter representación galega no Congreso”,  enfatizou ante militantes e simpatizantes da formación nacionalista.

Políticas para un rural con futuro

Durante a xornada, Rodil tamén se achegou ao taller Armaior en Campos da Vila, no concello de Quiroga, onde aproveitan a madeira de oliveira para deseñar pezas que logo comercializan nunha tenda física e a través da venda online.

“Un bo exemplo de que o noso rural ten futuro. Teno con políticas que apoien a rendibilidade da produción leiteira e agrogandeira e as iniciativas de transformación e comercialización por parte das propias persoas produtoras”, argumentou a candidata nacionalista.

“A voz do BNG no Congreso tamén combaterá as políticas españolas e comunitarias que mermaron os sectores primarios, provocando un gravísimo problema demográfico e de desertización do medio rural”, sostivo.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/olalla-rodil-pediu-voto-monforte-reclamar-congreso-servizo-ferroviario-do-seculo-xxi/20191106175245007546.html


© 2019 Comarca de Lugo Centro

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal