Imprimir

Rematan as actuacións no Aparcadoiro Municipal do HULA cun novo firme drenante e no que se definen as zonas de circulación

Director | 02 de outubro de 2019

“Agardamos que as melloras realizadas dean solución aos continuos problemas que tiña este aparcadoiro público” explicou Rubén Arroxo

Lugo, 24 de setembro de 2019. A Área de Infraestruturas e Mobilidade, dirixida por Rubén Arroxo, abrirá o vindeiro mércores, tras un investimento de máis de 40.000 €, o Aparcadoiro Municipal do HULA. Segundo Rubén Arroxo, “todas as persoas que utilizamos este aparcadoiro eramos conscientes de que precisaba un arranxo e fixemos unha intervención a fondo para tratar de rematar cos problemas de drenaxe que provocaban fochancas de xeito continuo”, e indicou que “na obra anterior utilizouse un material cunha granulometría demasiado fina, o que, xunto a que o final das obras coincidiu co inicio da época de choiva, fixo que se formaran lameiras”.

A actuación consistiu na substitución do anterior material por unha capa de zahorra sen finos de 10cm, que permitirá a drenaxe de auga. Ademais, diferenciáronse as zonas de paso das de estacionamento usando zahorras de diferentes cores, para evitar así que se formen atascos por vehículos mal estacionados. Segundo Rubén Arroxo, “o ideal sería asfaltar, pero a día de hoxe, debido a que este terreo está afectado polo 5% do plan xeral sen aprobar, non é posíbel”. Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitaron as melloras antes da apertura deste espazo de estacionamento.

O Tenente de Alcalde afirmou que “o concello tivo que recorrer a esta solución no exterior por que o goberno do PP na Xunta privatizou o aparcadoiro interior do HULA que tiña que ser de todas as persoas usuarias de xeito gratuíto porque moita xente non pode pagar os prezos que alí se marcaron para beneficio dunha empresa”.

Novos Accesos

O aparcadoiro Municipal do HULA conta agora con dous novos accesos na parte baixa e ampliouse a entrada principal. Ademais, adecentáronse os accesos para persoas, facilitando así acceder aos vehículos e as manobras de entrada e saída.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/rematan-actuacions-aparcadoiro-municipal-do-hula-novo-firme-drenante-definen-zonas-circulacion/20191002090612007469.html


© 2020 Comarca de Lugo Centro

Bloque Nacionalista Galego - Sede Nacional

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: 981555850
Correo: sedenacional@bng.gal

Bloque Nacionalista Galego - Sede comarcal 

Rúa Miguel de Cervantes, 34, 1º Entresollado
27003  Lugo (GALIZA)
Teléfono: 982280410
Correo: lugocentro@bng.gal